venres, 2 de abril de 2010

TEN OS DÍAS CONTADOS A DEPURADORA DE REZA-OURENSE

O xuíz concede dez meses de prazo ao Concello para que prepare á clausura da estación depuradora de Reza-Ourense

Atascado como se atopa o procedemento administrativo e político para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) en Reza, á beira das actuais instalacións, o Concello de Ourense segue gañando tempo para atrasar o cumprimento da orde de derriba da construción actual. A administración local obtivo un prazo de dez meses, «para que proceda ao cumprimento total e efectivo» da sentenza do 2003 que anulou a licenza municipal, co cal quedaba a instalación condenada á súa clausura efectiva.
Un auto do xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense do pasado 4 de marzo, recentemente notificado á administración local, outorgou unha nova marxe para que o goberno municipal poida ofrecer unha solución aceptable para a construción da nova depuradora, que permita pechar a actual polos prexuízos que ocasiona aos veciños de Reza.
Anteproxecto e atrasos
A acumulación de atrasos está sendo unha constante na xestión deste asunto por parte do Concello de Ourense e a Confederación Hidrográfica, sen que tampouco se pecharon acordos convincentes entre o goberno municipal e os veciños que tiveron que sufrir as molestias do funcionamento da depuradora.
Un informe da Confederación Hidrográfica remitido polo Concello ao xulgado do contencioso detalla que o xuño do 2009 adxudicouse o contrato de asistencia técnica para a redacción do anteproxecto de nova EDAR de Ourense á empresa Saitec S.A., cuxa finalización estaba prevista para febreiro do 2010, xunto co preceptivo estudo de impacto ambiental.
A pesar diso, a mediados de febreiro, «aínda que se atopa finalizada a redacción do anteproxecto», dicía o director técnico da Hidrográfica do Miño-Sil, «aínda non se puideron concluír os traballos de redacción do estudo de impacto ambiental». Atribuía o mesmo técnico tal atraso a que non se recibiron da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental as contestacións ás consultas realizadas a distintas administracións e entidades afectadas en relación con outro documento ambiental inicial.
O Concello de Ourense estase vendo obrigado durante os últimos meses a explicar no xulgado os pasos que está dando para poder cumprir coa sentenza de decembro do 2003.
As negociacións cos afectados están pendentes de coñecerse o anteproxecto.

Ningún comentario: