martes, 1 de xuño de 2010

UN PAÍS DE VACAS E CHULETÓNS

Contareilles unha historia. Fai vinte e cinco anos na montaña lucense aínda algúns veciños abandonaban a zona para trasladarse a traballar a Barcelona ou a Bilbao. Tras pechar a casa e vender os animais, adoitaban investir as súas ganancias nun piso na capital comarcal que, aproximadamente, supuña o prezo de dez ou doce cabezas de gando. Calquera paisano que na actualidade tratase de realizar unha operación similar tería que desfacerse de trescentas vacas para poder acceder a un piso medio. Como ven, iso de «a vaquiña polo que vale» depende do momento.
É obvio que non son experto en economía e, talvez por iso, non entendo o que pasou neste país nos últimos anos. Non alcanzo a comprender como sectores potencialmente rendibles e sostibles foron caendo no esquecemento mentres o ladrillo e as grandes infraestruturas inútiles convertéronse na nova relixión. Practicamente desapareceron os traballadores do campo e do mar mentres unha tribu de especuladores inmobiliarios e políticos mediocres converteuse na clase emerxente nun país eminentemente rural. Con todo, o máis curioso de todo isto é que cando a tendencia no sector do ladrillo comeza a parecerse á do vacún, todo o mundo acode presto a socorrerlles. Reunidos ao redor dunha boa mesa, banqueiros e políticos son capaces de porse de acordo para corrixir con diñeiro de todos os erros dun sector sobredimensionado ao que xamais se lle pediu reestruturación algunha.
Temos unha carne extraordinaria, ademais de magníficos viños e produtos de horta. O peixe e o marisco das nosas rías é insuperable e elaboramos algunha das mellores conservas do planeta. En todos eses sectores poderiamos investir de xeito responsable porque ese é o noso país. Con todo, a preocupación de moitos dos nosos gobernantes foi seguir investindo diñeiro alleo para legalizar urbanizacións privadas ou construír portos deportivos esnaquizando áreas de gran valor marisqueiro. Sei que son só exemplos, pero ¿parécelles normal que a Cidade da Cultura e os seus bonitos teleféricos sigan ocupando tempo, esforzo e diñeiro?
A historia coa que comeza este artigo contouma fai unhas semanas un amigo que, como eu, non ten nin idea de economía. Pódelles parecer demagóxica, pero é como el ve o mundo desde o monte no que sempre viviu. Eu, desde logo, síntome máis próximo a esa visión da vida que á dos que están tan preocupados por legalizar urbanizacións ilegais, construír portos deportivos ou elixir o modelo de teleférico. Algo pasou para que o valor das vacas descenda e o dos chuletóns aumente. Algo pasou para que quen viven do campo ou do mar comecen a sentirse estraños no seu propio país. Un país que sempre foi de vacas e que queren converter nun país de chuletóns.
Javier Guitián

Ningún comentario: