luns, 23 de agosto de 2010

A XUNTA REPARTE AGORA AXUDAS UNHA VEZ QUEIMADO O MONTE

Aumentan as queixas dos servizos de extinción por falta de medios adecuados

A Consellería de Medio Rural empezou a pasada semana a notificar ás comunidades de montes en man común as axudas para a prevención de incendios forestais que foron convocadas en abril e que, para maior sorpresa dos solicitantes, exclúen toda subvención á contratación de persoal para os labores obxecto da convocatoria, fundamentalmente a limpeza do monte. Nalgún caso, a notificación das axudas outorgadas prodúcese cando xa ardeu o monte que se trataba de protexer.
"Con ningún Goberno anterior, nin co bipartito nin con Fraga, pasou tal cousa", afirma Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. "Os funcionarios non cambiaron, non é un problema de xestión, senón de táctica política da actual Xunta para afogar economicamente ás comunidades e privatizar o monte", engade.
O orzamento destinado a estas axudas no momento de convocalas era de 2,4 millóns de euros, repartidos en dúas liñas de subvencións segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 7 de abril: o "control selectivo de combustible" -é dicir, limpeza e roza de montes-, para o que se dotaban 2.140.000 euros, e a construción de puntos de auga, ao que se destinaban os 260.000 euros restantes.
A resposta da Xunta ás peticións das comunidades, non está chegando tarde, formalmente, xa que a propia orde dá á Administración ata seis meses de prazo para resolver e notificar a resolución aos interesados, que se non a reciben nese prazo deben entender desestimadas as súas solicitudes. Tendo en conta que estas debían presentarse durante o mes seguinte á publicación da convocatoria, a notificación da resolución poderá ser cursada ata outubro: "¿Para previr quizais os lumes de inverno?..."
A porcentaxe do gasto subvencionado, segundo a orde de abril, era do 80% nos labores a realizar nos cortalumes e faixas auxiliares de pista e polas rozas mecánicas e manuais baixo arbolado. As notificacións que empezan a recibir as comunidades exclúen, con todo, toda subvención á contratación de persoal.
"Están forzando do abandono dos comuneiros para que o monte pase a mans privadas", argumenta Pereira, que recorda que a actual Xunta xa freou as axudas para o aproveitamento da biomasa forestal que estableceu o bipartito. "A súa aposta prioritaria son as sofores [Sociedades de Fomento Forestal], que suporán a entrega do monte ás empresas forestais para mercantilizalo sen contar coa opinión dos seus propietarios", engade.
Un curso de dous días para formar aos brigadistas...

Os axentes forestais reciben botas que non se poden achegar ao lume...

Un informe pericial ve á Xunta responsable da desorganización do operativo no que morreron dous bombeiros...

Ningún comentario: