domingo, 23 de xaneiro de 2011

A XUNTA AVALA QUE PESCANOVA SE INSTALE EN TOURIÑAN

A Xunta ten “intención” de retomar o proxecto de abrir unha planta de rodaballos, iniciativa que foi vetada polo bipartito.
A Consellería do Mar pretende que se retomen as 22 plantas acuícolas que “había sobre a mesa” durante o anterior mandato do PPdeG, entre as que se inclúe o proxecto de Pescanova en Cabo Touriñán (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, indicou que a multinacional “ten intencións” de implantarse en Muxía, na Costa da Morte, onde prevía abrir unha planta de rodaballo que finalmente situou en Portugal ante o veto do Goberno bipartito, por tratarse dunha zona incluída na Rede Natura.
En declaracións aos medios de comunicación tras un almorzo informativo, a responsable do departamento autonómico constatou a “intención” da actual Xunta de retomar os 22 proxectos que “había sobre a mesa” durante o anterior mandato do PPdeG. O Goberno galego podería recuperar estes plans a partir de febreiro, cando a consellería prevé ter listo o Plan Director da Acuicultura para Galicia para a súa aprobación polo Consello da Xunta. O seu desenvolvemento, sinalou Quintana, “encadrarase dentro do Plan de Ordenación de Litoral, pendente do informe favorable do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM)”.
“A intención é que se cumpran. Canta máis capacidade teñamos de desenvolver as nosas zonas costeiras, redundará nun beneficio para as comarcase para Galicia en xeral”, destacou a dirixente autonómica. Aínda que non concretou unha cifra acerca do número de postos de traballo que pode xerar a apertura de novas plantas, aludiu aos que implicaba o proxecto do grupo empresarial galego na Costa da Morte e defendeu, ademais, os 120 empregos que xerará a planta destinada ao cultivo de orella de mar situada en Muros (A Coruña), que esta semana foi aprobada na reunión do Consello da Xunta.
“Tal e como está a situación laboral, calquera posibilidade de incrementar o número de postos de traballo en calquera das actividades será beneficiosa para Galicia”, incidiu Rosa Quintana.
O LITORAL PARA OS “INVESTIDORES”
A preguntas dos xornalistas, a responsable galega indicou que a Consellería do Mar se puxo “en contacto” coas empresas que presentaran os 22 posibles desenvolvementos de industrias na etapa anterior ao bipartito. “O contacto é constante con todos”, afirmou. Nesta liña, subliñou que a comunidade autónoma “ten potencialidades” para o desenvolvemento da acuicultura, polo que o Goberno da Xunta “quere poñer a disposición dos posibles investidores galegos, españois ou estranxeiros” o litoral galego.
O obxectivo de Mar, segundo Quintana, non é só o desenvolvemento dos cultivos, senón o fomento da innovación tecnolóxica neste ámbito, “para desenvolver a acuicultura en calquera parte do mundo”. Para iso, “un dos grandes problemas” que atopa “nestes momentos” a acuicultura, a xuízo da conselleira, é que os novos fondos europeos –o Fondo Europeo da Pesca (FEP), que substitúe ao Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP)–“non consideran axudas para os grandes grupos investidores”.
“A Unión Europea ten que ser consciente de que non podes non dar subvencións á locomotora que debe ser a que dea o pistoletazo a esta actividade”, advertiu. Así, a titula de Mar manifestou que o apoio comunitario a estas empresas tradúcese nun apoio a Galicia.

Ningún comentario: