xoves, 11 de agosto de 2011

RECORTES

Acrise económica está orixinando no Estado español unha verdadeira catástrofe social. Millóns de desempregados, centos de miles de persoas que perderon as súas vivendas e continúan tendo que pagar as hipotecas, traballadores cos soldos reducidos e cos dereitos laborais diminuídos, mocidade que non chega ao mileurismo ou se ve obrigada á emigración, pensionistas con dificultades para chegar a fin de mes, recortes continuos nas prestacións sociais e en servizos básicos como a sanidade e a educación.
A porcentaxe de poboación que vive na pobreza non fixo máis que medrar nos últimos tres anos, o mesmo que a poboación precarizada, mentres que a denominada clase media decreceu. É moi razoable que a cidadanía estea indignada e que tome conciencia da inxusta situación.
Quéreselle facer pagar en carne propia unha crise da que non foi responsable. Perante a falta de solucións satisfactorias do sistema político bipartidista –incluíndo as organizacións política satélites–, todas elas ao servizo exclusivo da banca, das grandes empresas e dos seus propios intereses corporativos, a cidadanía tivo que autoorganizarse pacificamente, en forma de movemento 15-M, para tentar na medida do posible defenderse.
O control informativo e a desinformación mediática, que arrastran aos cidadáns ao pensamento único, económico e político, explican en boa medida que non houbese unha maior oposición popular. Moitos aínda cren na falacia de que coas medidas que se aplican se vai recuperar a economía e o Estado de benestar, e que volverán vivir como antes da crise. A realidade indica o contrario, que se vai establecer unha depauperación permanente da maioría social, como xa sufriu nos oitenta Latinoamérica, por mor da avaricia dos mercados financeiros. Aínda é cedo para saber se a cidadanía dirá basta a este roubo global ou se resignará á vida mediocre que lle asigna a ela e aos seus descendentes o sistema.
Diante da crise só cabe aceptarmos a política económica neoliberal do PSOE e do PP, asumindo e resignándonos aos recortes sociais constantes que levan a cabo nas institucións, ou implantarmos outra política diferente, que responsabilice dos seus custos económicos á burguesía financeira e á grande patronal. En realidade, estes sectores forman na sombra o auténtico goberno do Estado, controlando os medios, mantendo un modelo bipartidista favorable e manexando os fíos das cúpulas e das estruturas do PP e do PSOE. Trátase de grupos oligárquicos que se negan a manter o gasto social e o Estado de benestar, e a que se estableza unha fiscalidade seria. Desexan máis privatizacións e rebaixas salariais para aumentaren a súa riqueza.
Aplicando outra política fiscal, semellante á dalgúns países da UE, cas Sicav e as taxas financeiras, establecendo distintos tipos máximos de IRPF tendo en conta o que se gañe, volvendo ao imposto de patrimonio e ao de sucesións e perseguindo a xigantesca fraude fiscal, conseguiría o Estado novos recursos. E con eles podería acabar co desemprego, ao crear postos de traballo públicos para potenciar o Estado de benestar. Só así, con máis e maiores salarios, se recuperaría a capacidade adquisitiva e o consumo, e se saíría da crise.
Visto o panorama, só sería posíble outra política económica fóra do sistema bipartito actual.

Ningún comentario: