mércores, 14 de setembro de 2011

RECORTES NO ENSINO

Inténtase desviar a atención da cidadanía sobre os recortes xeneralizados que sofre o ensino público e os prexuízos causados, non só ao profesorado, senón de xeito principal aos alunos, familias e, como investimento social básico, á sociedade no seu conxunto. Desde o goberno galego estase dando unha imaxe deturpada das protestas dos docentes, que semella que son uns preguiceiros porque non queren traballar máis horas. Aseguran que aumentando o seu horario mellorará a cualidade, cando é todo o contrario, pois deixarán de cumprir parte das súas funcións  anteriores nas bibliotecas e nas TIC, para poderen vixiar os nenos ao baixaren ou subiren aos autobuses, labor que poderían realizar outras persoas. Tamén algúns articulistas proclives ás autoridades procuran incitar sentimentos de envexa e de antipatía entre a poboación contra os docentes, comparando as súas condicións laborais e salariais coas da grande maioría dos precarizados traballadores da empresa privada, pretendendo unha irracional igualación, mais a pior, indo cara ás deplorábeis condicións destes últimos. Cando o que tería que acontecer sería que se cuestionasen e revisasen as circunstancias de explotación de muitos empregados do sector privado.
En realidade, co aumento do horario dos mestres quérense reducir gastos, sacando do cadro de persoal uns mil efectivos. Suponse que os traballadores do ensino terán que protestar contra este ERE oculto que os vai danar gravemente, prexudicando á vez a toda a sociedade. E os recortes no ensino público non só fican niso, senón que afectan aos máis variados ámbitos escolares: masificación das aulas, supresión da gratuidade dos libros de texto, redución do gasto corrente de colexios e institutos, do gasto de construción e mellora dos centros e do de comedores escolares, obriga de impartir materías afíns sen a debida preparación e experiencia, etc. Mentres, o investimento no ensino concertado-relixioso e a política de privatizacións continúan con insolente irresponsabilidade. Parecen esquecer que o mellor sistema educativo do mundo, o de Finlandia, é de ensino público no seu 95%,
Outra das máis coñecidas falacias é a de que no Estado español sobran funcionarios. A porcentaxe de poboación que traballa nos servizos públicos como educación, sanidade, xardíns de infancia, servizos de atención a dependentes, etc, é de só o 9,5%. A media dos quince países máis desenvolvidos da UE está nun 15%. A nosa comunidade autónoma, non chega nin á media estatal, pois é dun 5,5%. E aínda por riba, para a volumosa bolsa de mestres e licenciados no desemprego, a expectativa de encontraren traballo será máis remota, pois só se van cobrir nas oposicións de docentes o 23% das vacantes que por xubilación.
Débese saber que hai diñeiro suficiente para manter e mellorar o noso Estado de benestar. Para iso hai que perseguir a fraude fiscal e incrementar os impostos das grandes empresas e rendas altas até os niveis normais en Europa. Se nesta fase de recortes a sociedade enteira, non só o profesorado, non se implica, dada a insensibilidade manifesta dos políticos neoliberais que os aplican, irán en progresión, e o deterioro da escola pública será definitivo.

Ningún comentario: