domingo, 9 de outubro de 2011

TRABALLAR MÁIS E GAÑAR MENOS

Durante a última década neoliberal, por mor da perda de ingresos reais, alentouse á clase traballadora a se endebedar, xa que o futuro era prometedor. Agora diante da catástrofe, a consigna é traballar máis, pagar axiña as débedas, e gañar menos para saír da crise. Esta consigna que se repite con teimosía non se aplica máis que á clase traballadora, para as demais clases dáse por sobreentendido que traballan arreo e merecen todos os ingresos que apañen.
Hai unha dobre vara de medir. Encol deste tema, ademais dunha visión que só procura aumentar a taxa de lucros das clases dominantes, sen lles preocupar ren máis, existe na burguesía e en grandes sectores das clases medias unha percepción limitada, que coida que todo se soluciona traballando máis. Non se ten en consideración que de pouco vale producir máis se non hai quen merque, trátese de bens ou servizos.
Este esforzo extra pode contribuír a baixar salarios, reducir o emprego e un recuar do conxunto da economía... tamén afecta ao comercio do barrio que non ten quen lle merque. En boa medida é o que está acontecendo, porque as exportacións non son quen de reactivar a economía, e a concentración de lucros na alta burguesía adícanse nunha gran porcentaxe á especulación e a investimentos no exterior. Trátase de producir bens e servizos de máis calidade. E isto só se consegue regulando o mercado, cunha fiscalidade progresiva, con máis formación, tecnoloxía, e mellores soldos e uns asalariados motivados. Os países que teñen as xornadas máis reducidas son nos que ademais hai maiores salarios e calidade de vida.

Ningún comentario: