luns, 13 de febreiro de 2012

ATAQUE FRONTAL Á CONSTITUCIOÓN

O PP tirou dun pobre argumentario para defender o maior ataque lanzado en democracia contra os dereitos dos traballadores: "As manifestacións non crean postos de traballo". É un simplismo equivalente a dicir que as marchas contra o matrimonio gai non eliminan a homosexualidade, o que non evita que a dereita as aplauda con entusiasmo. Pero non está o patio para simplismos.
A reforma aprobada polo PP supón dinamitar as relacións laborais, situando nun plano de total subordinación á traballadora fronte ao empresario. Estamos, xa que logo, ante unha imposición ideolóxica que ataca de forma frontal o artigo 1 da Constitución, onde se afirma que "España constitúese nun Estado social e democrático de dereito". Esa definición non debería ser mera palabrería, senón que consagra un modelo de Estado que defende os dereitos sociais das persoas e cuxo texto pioneiro foi (que ironía) a Lei Fundamental de Bonn de 1949, principal inspiración da Carta Magna española. Co decretazo do venres, e cos ataques á sanidade e a educación pública que executan os seus presidentes autonómicos, Rajoy está laminando a parte "social" da definición constitucional.
Hai que denunciar tamén a enésima mentira de Rajoy, xa que antes de chegar á Moncloa prometeu non abaratar o despedimento, e o feito de que a vicepresidenta Santamaría ocultase unha parte substancial do decretazo na súa comparecencia do venres tras o Consello de Ministros. O Goberno que sempre ía dicir a verdade estase mostrando como o Goberno da mentira.

Ningún comentario: