mércores, 18 de abril de 2012

OS ESQUECEMENTOS POLÍTICOS

Aquilo de que a muller do César ademais de honrada ten que parecelo, é unha profunda estupidez. A frase en cuestión utilízase con frecuencia para explicar que os políticos non só deben levar unha vida intachable, senón que ademais debe parecer que a levan. O problema é que moitos quedan só con esta segunda parte e limítanse a intentar ocultar os seus chanchullos facendo gala dunha imaxinación que, en ocasións, resulta humillante. A situación é tan sanguenta que, segundo os sisudos informes do CIS, para a gran maioría dos españois, político e chourizo son sinónimos e ata os propios partidos parecen habelo asumido e procuran non facer moita sangue cada vez que salta un caso no lado contrario por aquilo das vigas e as pallas nos ollos.
Con todo, neste panorama de tolerancia máis ou menos encuberta á prevaricación e o suborno, o PP de Rajoy quixo tirar a primeira pedra e puxo, negro sobre branco nos seus estatutos, a norma de que calquera imputado debe deixar todos os seus cargos, é dicir, inmólase en aras da hixiene política.
Así, Camps, Costa, Matas e outros moitos pasaron a mellor vida política. O problema xorde cando, por exemplo, tras unha ruidosa imputación, o xuíz decide ao final que das acusacións, nada de nada. Iso é o que lle pasou a Javier Escribano, que viu truncada a súa brillante carreira, que xa lle levou a ocupar praza no pazo do Hórreo, a conta dunha suposta mediación para algo cunhas areas holandesas e contaminadas e por un Porsche (de catro rodas), de orixe pouco clara.
Agora o xuíz arquiva a súa causa e el queda composto, pero sen escano. Enfronte, Conde Roa. O verso libre do Partido Popular de Galicia, que o mesmo se enfunda un traxe tradicional de galego para unha recepción que se lea a insultos cun operario de iluminación nunha obra de teatro.
O sorpresivo e sorprendente alcalde compostelán acaba de ser imputado por esquecerse de entregar a Facenda (esa que somos cada vez menos) 300.000 euros de nada.
Cos estatutos na man, Conde Roa ten que dimitir. Co exemplo do acontecido con Escribano, talvez, os populares farían ben en ser un pouco máis prudentes, sobre todo porque a renuncia do alcalde non tería volta atrás. Iso si, seguindo o método aplicado, por exemplo, a Pablo Cobián, tería que renunciar, pero se se aplica o que fan o resto de partidos, debería de seguir no cargo...
A casuística a aplicar é tan extensa que resulta imposible aclarar o futuro do rexedor compostelán máis aló da decisión que tomen o propio Feijóo e os seus achegados máis achegados, que, á fin e ao cabo, son os que teñen a última palabra. Aínda que, iso si, queda moi feo ser político e andarche esquecendo de que o diñeiro que se cobra polo IVE hai que devolvelo, aínda que se faga sen querer.

Ningún comentario: