domingo, 4 de novembro de 2012

ISTO E AQUILO

Manuel Rivas
As vivendas que perden as familias en apertos pasan de novo a mans dos expoliadores e a prezo de saldo. Non é mafia, pero se parece un ovo.
Nunha carta de felicitación de aniversario, o escritor Saul Bellow dicíalle a un vello amigo: "Non che preocupes por isto e aquilo, isto e aquilo non importan demasiado na suma final". No seu día lino como unha ironía reparadora, pero agora volve á cabeza como un sarcasmo. Entre nós, en confianza, isto e aquilo empezan a sumar demasiado. A cifra de parados, que avanza implacable cara a un inverno de seis millóns de persoas, ten xa esa dimensión do indescifrable. Alí onde se perde a conta. No desalmado. Nese territorio do desafiuzamento, da desposesión, estamos xa na conta das baixas mortais, con xente rota que acaba de romper de todo por despedimentos inxustos e polo mecanismo das execucións hipotecarias. No último ano, incrementáronse nun 25% os lanzamentos, as expulsións de xentes das súas vivendas ou locais de traballo. Legal, si, pero criminal.
O recente informe dunha comisión de xuíces é demoledor. Atribúe esta situación á "lixeireza e mala praxe" bancaria. Pero mentres o diñeiro público, subtraído aos cidadáns, destínase a sanear as contas dos causantes do estropicio, ninguén detén a apisoadora. As vivendas que perden as familias en apertos pasan de novo a mans dos expoliadores e a prezo de saldo. Non é mafia, pero se parece un ovo. Mágoa que esta caste, a que se enriquece coa ruína, non se morra de risa. Non hai loita de clases. O que hai é un Estado de abuso: sangría aos asalariados, estupor de clase media, estampida emigrante de mozos. E privilexios para os privilexiados.
No drama do desafiuzamento, ¿por que non se aproba xa unha moratoria que evite que a xente quede á intemperie mentres non se revisa unha lei anacrónica e inxusta?
Isto e aquilo e o outro están sumando de máis.

Ningún comentario: