venres, 25 de xaneiro de 2013

DE CANS E DE POLÍTICOS

Hai un dito entre os xornalistas de que "can non morde carne de can". Pero vaia se morden. Pode que non sexa só de xornalistas. Un importante político da esquerda española dicía que a súa é "a única profesión na que can morde can" e, ademais, con rabia, coma se niso lle fose a vida. Máis aínda, "ese é o noso traballo", remataba. Non hai como pasear polos corredores do Congreso para comprobalo. Parece mentira que estando como estamos, abonde que o principal partido da oposición faga unha proposta, aínda que sexa boa, para que o partido no poder, con maioría absoluta, faga o contrario. Mesmo para que faga o contrario do que prometera.
Na súa defensa habería que dicir que o mesmo sucedía antes, cando os que mandan agora estaban na oposición e estes no poder. Can morde can, non xoga con can e non escoita outro can. E así nos vai. Non sei se os pagamos para iso, pero paréceme que, se é así, estamos a tirar o diñeiro. Deixamos nas súas mans a enorme responsabilidade de gobernar e de lexislar sobre as nosas vidas e durante catro anos poden facer o que queiran. Mesmo non escoitar a voz dos cidadáns na rúa. A todos os que gañan unhas eleccións se lles enche a boca dicindo que gobernarán para todos os españois, tanto para os que lles votaron coma para os que querían botarlles. Se non escoitan os cidadáns - "ese público ao que tanto quero e ao que tanto debo", que diría unha folclórica- como van escoitar os que non pensan como eles.
Dicía en 1976, en plena transición, o gran Premio Cervantes José Jiménez Lozano -e agora recórdao con acerto a revista Acontecemento- que "un pobo sen elites, conscientes do seu papel ético e cultural, con elites fascinadas por todo o epidérmico e superficial do mundo enteiro, e xogando ao péndulo das ideas "snobs", nas que esas elites non arriscan nada, pero un pobo quizais todo, tardará moito tempo en encontrar ou en recobrar a súa conciencia de identidade profunda e será zarandeado pro mil solicitudes".
Os que chegan á política, na súa inmensa maioría, fano sen traballar antes nin na administración nin na empresa privada. E na política seguen toda a súa vida, sen pisar unha obra, un despacho, un hospital ou unha escola, salvo que, grazas á política, encontren acomodo en empresas públicas, xeralmente, ou privadas, na maior parte dos casos próximas ás responsabilidades políticas que asumiron. Cando can morde can, o que está a facer é defender a súa comida. Hai moitos políticos que tratan de facer ben o seu traballo, pero os que soan máis, en moitas ocasións impiden que a ese nobre traballo accedan non xa os mellores, senón, polo menos, os que saben o que custa traballar e gañar un soldo.

Ningún comentario: