
En canto se coñeceu a noticia, as redes sociais foron un clamor en contra da decisión. Telefónica debería ter esperado polo menos a que se resolvese a situación procesual de Rato. Non sei se César Alierta, presidente de Telefónica, lle debe algún favor ao seu vello amigo e valedor, pero dende logo acudiu con prontitude ao seu rescate, ao contratalo como asesor de Telefónica en Latinoamérica e Europa, pero, con todo e con iso, Rato continúa imputado.
Pero se de ben nacidos é ser agradecidos, non esquezamos que Rato, no seu día, impulsou o nomeamento de Alierta en Tabaqueira, Telefónica e IAG. Outro matiz: Rajoy xa deixou clara a grupos do Ibex que apoiaría unha saída digna para Rato. Outro detalle: Telefónica omite no curriculum de Rato a presidencia de Bankia.
A fichaxe de Rato contou co plácet do Goberno e anunciouse en Reis para evitar que tivese repercusión. Mentres, os especuladores tomaron Bankia e os brokers sacan tallada da acción afundida entre protestas dos preferentistas.
Un exemplo de indignado, nas redes: Voume a por tabaco antes de que fichen a Rato no estanco do pobo". Eu, pola miña banda, reproduzo unha letrilla do clásico: "Perpetuos véndense oficios, gobernos, que é dar á vila ladróns eternos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario