luns, 21 de xaneiro de 2013

POR VOCACIÓN

Provócanme máis confianza esas persoas que se enfrontaron aos vaivéns da vida laboral que esas outras que se adaptan á forma dos partidos dende que son adolescentes
Escoito a Esperanza Aguirre defender o seu paso á empresa privada dicindo que "a política non é unha profesión, é un servizo público temporal". En parte estou de acordo. Sería desexable que os políticos tivesen vocación de servizo público, aínda que non creo que existan regras que determinen se é máis honesto quedarse o que dura unha lexislatura ou 22 anos, como así estivo a expresidenta madrileña. O que acontece é que o vocacional é un termo pervertido na política española. Por un lado, a vocación non pode ser un antídoto contra o amateurismo e en ocasións éo: políticos sen un discurso sólido, sen a capacidade de expresar máis de tres ideas manidas valéndose de frases de xerga. A política non ten unha carreira determinada, non falo de titulados universitarios ou de brillantes opositores á avogacía do Estado, pero provócanme máis confianza esas persoas que se enfrontaron aos vaivéns da vida laboral que esas outras que se adaptan á forma dos partidos dende que son adolescentes e acaban sendo unha especie de funcionarios, vocacionais ou non.
De calquera xeito, sorprende de pronto esta definición xenerosa do oficio en alguén que defendeu o seu lugar no poder con tanta furia. ¿A vocación é polo poder ou polo servizo á comunidade? Porque hai demasiadas probas para pensar que a vocación de servizo de Madrid provincia ou do seu Concello está permanentemente focalizada na familia e o cogollito de empresas amigas. Dan medo unhas vocacións que de tan irreprimibles que son poden conducir ata a espionaxe interna a conta do Estado para preservar o posto. Prefiro individuos máis transparentes, menos cínicos e arbitrarios á hora de xustificar os seus actos. Ten que habelos nalgún sitio. Pero se hai algún na oposición, de momento está a por uvas.
ELVIRA LINDO

Ningún comentario: