sábado, 16 de marzo de 2013

FACENDO O INDIO

É a última. Enrocados en torno ao que non é pero foi; con iso de que non está pero estivo e non ten que ver con eles pero vivía alí, tiña despacho e unha libreta que os pon colorados, os populares montaron outro número para intentar esquivar, ocultar, apartar, esquecer, as súas contas e contos....
O señor Pons, por certo obrigado a declarar ante o xuíz para explicar que sabe do penoso asunto de Urdangarin e Cia, dixo que van pegar a orella ao asfalto e repetir en voz alta o que oian na rúa... ao meu recórdame as vellas películas de indios e vaqueiros onde os síux poñían a orella sobre a verde pradaría para detectar a chegada do "cabalo de ferro" ou o galope do Séptimo de Cabalaría.
Ou sexa que o Partido Popular non se decata do que pasa na rúa, nesta inmensa pradaría onde os cidadáns berran as súas coitas, e ten que poñer a orella sobre o asfalto...
Pois verá vostede, señor Pons a xente recorda que o acosador de Ponferrada, era militante do PP e sendo militante, tamén alcalde, deputado rexional e senador polos populares. Por ser un dos seus ¿recorda señor Vice- secretario do PP? defendeuno ardorosamente Ana Botella....
Non fai falta poñer a orella no chan para decatarse que o PP arroupa, aquí en Galicia, a un alcalde que será xulgado por acoso e ameazas. A outro que insiste en seguir no seu cargo a pesar de ratificarse a súa imputación no caso Pokémon...
E non fai falta, señor Pons, que poña orella en terra (a postura é incómoda e non se escoita nada, palabra, salvo nas películas do Oeste) basta con camiñar polas rúas, preguntar á xente -mesmo no seu propio partido- para encontrar miles de cidadáns rexeitando, protestando, polas medidas do goberno... Por certo: o luns Rajoy iniciaba un acto de apoio a Cospedal dedicándolle un saúdo a "os patrocinadores do evento".
Eran Rede Eléctrica e Asisa. Ten coña! Dous "padriños" aos que o seu afillado axuda. Asisa vén a pola sanidade pública desmantelada, segundo repiten a berros médicos e demais persoal sanitario, e que xa se cobrou vítimas. ¿E a rede eléctrica? Pois recibindo prebendas e subindo o recibo.
E eles facendo o indio...

Ningún comentario: