luns, 22 de abril de 2013

A DUCHA FRIA

Segundo a ministra de Traballo, Fátima Báñez, non cabe falar de emigración, senón de "mobilidade exterior"
Cando España entrou no club dos novos ricos, e non importaba a cor do gato senón que cazase ratos, os nosos emigrantes pasaron a ser denominados de forma oficial "residentes ausentes". Con inquietude metafísica, un encofrador galego no Alpes suízos confesoume: "Agora xa non son emigrante, son un residente ausente. Estou, pero non estou". O "voto emigrante" pasou á categoría de voto dos "residentes ausentes", de tal maneira que mesmo algúns defuntos se animaron a votar. Agora que todos os gatos son pardos, de España sae outra grande ondada de xente nova e menos nova á conquista do pan. Pero nin sequera poden identificarse coa condición tan honrosa de "emigrantes". Segundo a ministra de Traballo, Fátima Báñez, non cabe falar de emigración, senón de "mobilidade exterior". Así, a emigración é presentada como unha variante do turismo. Se o encofrador e o esquiador Bárcenas se cruzan por casualidade á altura dunha fermosa lavandaría suíza, en realidade a súa situación é a mesma: ambos os dous están alí por razóns de "mobilidade exterior". Por un idéntico impulso aventureiro. Temos uns cantos centos de miles de novos mobilizados no Exterior. Dado que hai millóns de inmobilizados no Interior, é posible que se incremente esta tendencia á deriva situacionista nos nosos mozos, e que a ministra de Traballo, en exercicio dos seus dotes poéticos, propoña a figura do "interno externalizado". En certa forma, segundo as estatísticas, case todos empezamos a sentirnos externalizados. Estamos e non estamos. A xente anda polas rúas cun aire ido, de mobilidade exterior. E ademais o Goberno está moi enfadado cos cidadáns, como demostra o anuncio da ducha fría de Arias Cañete. Aquí hai moito vicio. Duchámonos por enriba das nosas posibilidades. Calquera día nos botan a todos cun carné de "residentes ausentes" nos dentes. Manuel Rivas

Ningún comentario: