venres, 26 de abril de 2013

FMI

Unha das patas do triunvirato que nos ordena e manda é o FMI, non sabe por onde lle dá o aire. Este organismo está cheo de economistas que cobran grandes soldos, non obstante, hoxe di unha cousa e mañá a contraria sobre o mesmo tema. Desenvaiñou o látego hai un par de semanas para dicir que se deben facer máis reformas, porque as que se fixeron non son suficientes, se se quere saír da crise, e xusto ao cabo de dúas semanas rectifica dicindo que, home, a austeridade non é o camiño exacto para saír do marasmo e convén facer políticas que reactiven a economía e o emprego.
Canto fai que sabemos, os menos ilustrados, que iso é así? Que mantendo estas políticas de recortes a tutiplén, a economía se estanca e o crecemento do desemprego é unha realidade? En só uns días cambiaron de opinión, nun brainstorming sesudo, para dicirnos que é mellor a relaxación na austeridade e que conveñen outras políticas que permitan o crecemento. Aleluia. Canto diñeiro custa ese cambio de opinión? Centos de miles de euros en nóminas que non serviron para nada. Non importa, iso tamén o pagamos entre todos.
En cambio, en España, temos o peor ministro de economía posible (segundo enquisas realizadas en Europa), que dixo hai tres meses que a economía caería un 0,5%, para logo repuntar a finais de ano e xa, se iso, no 2014, crecer. Pasaron tres meses e de Guindos admitiu o que os expertos e os que somos inexpertos na materia, diciamos que non ía pasar. Caída do PIB do 1,6%, ningún brote verde a finais de ano e nada de subir o ano próximo o PIB.
Sábese que ningún país pasa dunha recesión do 1,6% a un crecemento ao ano seguinte. É simplemente imposible, porque non se dan as causas que o xustifiquen.
Que pasou entón? pois que nos enganaron, outra vez, a sabendas do cal o facían. Explicouno moi ben Soraya Rodríguez. No ministerio non son parvos ¿? o que son é mentireiros. Pero como teñen maioría absoluta..... Esta é a crua realidade.

Ningún comentario: