luns, 10 de xuño de 2013

MOVIOLA

Cando xermolaron as primaveras árabes, preguntámonos como se podían considerar democracias uns réximes que non garantían os dereitos das mulleres 
Recórdana? Que se foi penalti, que se non, que se volve dalo... O aparato que revolucionou as vellas tardes de fútbol, ameaza agora con gobernar o noso destino. As reválidas, a materia de relixión, a lei do aborto de 1985, os emigrantes en Alemaña, a pobreza... E as mulleres. O feminismo inspirou a única revolución social triunfante no século XX. No XXI, seguimos representando a maioría da poboación mundial, pero a igualdade que non conseguimos está cada vez máis lonxe. A xerarquía católica salvadoreña denuncia que a traxedia de Beatriz, embarazada dun feto inviable que pon en risco a súa vida, é unha manipulación a favor do aborto. A tunecina Amina Tyler afronta unha severa condena por dispoñer do seu propio corpo nun país musulmán. Cando xermolaron as primaveras árabes, algúns -máis ben algunhas- preguntámonos como se podían considerar democracias uns réximes que non garantían os dereitos das mulleres. Esta é a resposta. Pero non pasa nada.
En España, xa o ven, tampouco. Non obstante, vendo a alegría coa que o Goberno lle dá á moviola, sorpréndeme que non promovese aínda unha medida que solucionaría moitos dos seus problemas. Cunha reforma aquí, outra alá, poderían incapacitar administrativamente as mulleres como nos anos corenta do século pasado. Imaxínanse o ben que lle viría á ministra de Sanidade que o seu marido puidese abrir e pechar contas bancarias ao seu nome sen ter que darlle explicacións? De la Infanta, xa, nin falamos. E iso sen contar con que prohibindo o traballo remunerado ás casadas, como Piar Primo de Rivera logrou na posguerra, baixaría o paro unha barbaridade. O voceiro do PP no Congreso declarou que Ana Mato non é parva, e ten razón. Somos moito máis parvos os demais, por tragar co que estamos a tragar.

Ningún comentario: