
O goberno mariano naceu anencefálico, pero hai quen se empeña en defender o bebé custe o que custe. Algúns, antes das eleccións, xa temiamos o que podía suceder. Outros, mesmo algún dos seus votantes, o están a sufrir sobre a marcha.
O líder con aparencia de prócer decimonónico e retórica grandilocuente ("sabemos o que hai" que "facer", "fai falta grandeza", " viva o viño! ", etc.) paga a súa fachenda con sobres furtivos e a súa retórica revelouse tan falsa como os tratamentos antiobesidade ou as medidas neoliberais para fomentar o emprego.
Os alelos do presidente non son funcionais para resolver a tarefa encomendada e así a soberbia vicepresidenta, unha vicepresidenta soberbia, exerce de 'beo' gobernamental. A súa única solución foi unha fuxida cara a atrás, cara a un mundo moi superado no económico e o social, por non falar da volta á Igrexa do fasciocatolicismo e neoinquisitorial.
A destrución das estruturas sociais por parte duns políticos preocupados por non perder o resoldar e privados por privatizar, está a ter un efecto beneficioso. Cada vez máis persoas intentan organizarse pola súa conta e recrear as funcións dun estado que os estados paralelos de Mariano non poden proporcionar. Se o proxecto mariano fracasou (se é que algunha vez tivo algunha opción), os cidadáns demostraron capacidade de iniciativa a pesar das trabas gobernamentais. Eles son a auténtica referencia e non esa Rancia Marca España que nos queren vender.
Ningún comentario:
Publicar un comentario