mércores, 12 de xuño de 2013

SI ISTO É VIVIR...

Alguén se acorda, non hai tanto, cando criamos que España apostara correctamente, por ser un exemplo de democracia participativa, social e moderna. Case me parece o reflexo dunha ilusión. O, o que é peor, unha estafa social. 
Dende os anos setenta, moitos, os máis, cremos que estabamos a construír un edificio sólido, estable, sensible ao social, crente nos valores da xustiza e a igualdade, competente, resistente, vulnerable si pero sen chegar a un risco de ruptura.
Mira por onde, a crise económica mundial nos sacode de forma brutal. Ponse de manifesto a fraxilidade das estruturas, das institucións do estado de dereito.
Fállannos a Xefatura do Estado, un goberno que non goberna para todos senón utilizando o rolo da maioría absoluta alcanzada sobre as mentiras, un poder xudicial lento e opaco, un parlamento secuestrado polas súas propias ansias de perpetuarse na poltrona.
Os partidos políticos, mal que nos pese, ládranse pero non se morden. Os políticos encontraron un novo emprego que, ademais, consideran vitalicio: Entrar nas listas de algo dalgún partido político. Conseguido isto, o demais é doado. Só hai que ser como a arcilla e adaptarse aos mandos.
Triste? Decepcionante? É irritante.
Os golpes baixos que se dan uns a outros están feitos por especialistas. Non doen de verdade. Na trastenda todo se pastelea. A ver, se son negativa, que alguén me dea nomes, exemplos de transparencia política e persoal, que alguén me tire das orellas e reláteme un listado completo de coherencia e honradez política e persoal.
Como non se trata de cuestionar a democracia como a mellor forma de establecer as regras do rogo, vou dar un paso a favor da constitución dun goberno de coalición.
Quero que os partidos políticos, que din representarnos a todos aínda que nós o dubidemos, se sumen a un compromiso de goberno, vincúlense a unha folla de ruta non escrita nin por Angela Merkel nin polas escuras interioridades dos poderes económicos.
Gustaríame que todos os partidos políticos (grandes e pequenos, nacionalistas e non nacionalistas) asinen un novo contrato social.
As súas cláusulas principais son as elementais, as primarias: medidas directas para o crecemento económico, fomento da actividade emprendedora, redimensionamento do estado das autonomías, medidas activas de emprego e mantemento do sistema público de saúde, educación, pensións e dependencias.
Trátase ou debe tratarse dun contrato sen letra pequena. Sen "revolving doors". Quen entre en política que entre voluntariamente e que saiba dende xa que o seu paso será temporal, que logo terá que saír ao mercado laboral e proseguir a súa vida como un cidadán máis, cada un coa súa mochila de estudos e de habilidades profesionais.
Os recursos que saian das xubilacións e sobresoldos que non se van levar nin políticos, nin banqueiros nin afíns. Do que non vai ser adxudicado a dedo e a sobreprecio. Da eficacia e eficiencia das administracións públicas. Da desaparición de asesores e demais familias homólogas que se multiplicaron ao tolo, sen control.
Control dos diñeiros, das entradas e saídas, boicot absoluto á malversación de fondos, á evasión de capitais e aos paraísos fiscais.
Non é tan difícil encontrar o diñeiro o que resulta ou lles resulta difícil é romper con rutinas tramposas, coas familias acomodadas, cos delincuentes de colo branco e cun desexo irrefreable por permanecer en política para vivir á conta de nós.
E quédome curto.

Ningún comentario: