luns, 1 de xullo de 2013

MATO, SORAYA E COSPEDAL

Ezequiel Pérez
Procedamos con certa orde. A aínda ministra Mato fai que con ela teña Rajoy máis problemas que o fontaneiro do "Titanic". Non obstante, dá a impresión de que o presidente do Goberno ten un amplo compoñente de masoquismo, pois se atreve a dicir sobre a Mato e en contra da opinión de millóns de españois: Téñolle absoluta confianza. Está a facer as cousas moi ben e espero que as siga facendo durante moito tempo".
Dicir o que antecede equivale a ter máis cara que un elefante con flegmóns. Pregunte vostede, señor Rajoy, aos médicos, ás enfermeiras, aos auxiliares, aos farmacéuticos, ás mancebas de farmacia, ao persoal de ambulancias, aos xubilados, aos enfermos, os pacientes en xeral. Pero, quen lle engana a vostede, home de Deus? En que fontes informativas bebe, que non se decata do clamor de toda unha nación en materia sanitaria? Siga vostede así, señor Rajoy e xa verá en que e onde remata a saúde do pobo español.
Outro asunto é o das moi fraternas, estreitas, evanxélicas e case cariñosas de Soraya Sáenz de Santamaría coa Cospedal. Esta última tivo que tragar un sapo porque Rajoy incorporou a dona Soraya á Comisión Delegada de Asuntos Económicos e a designou como presidenta do devandito órgano en ausencia do presidente. De tal forma, que Soraya lles come as papas a Montoro e Guindos. E velaquí que a Cospedal, dirixente popular que mantén un enfrontamento soterrado co vicepresidente do Goberno polo control de determinadas áreas de poder, di que se regulou mal durante ano e medio a Comisión Delegada de Asuntos Económicos.
Por suposto, nin Soraya nin a Cospedal se van tirar dos pelos en público e espero que tampouco en privado, pero os comentaristas políticos admiten xa que a crise no Goberno pode abrirse a medio prazo. Rajoy quere esperar á Semana Santa de 2014, antes das eleccións europeas, para entón remodelar o Gabinete e que os expulsados "saian sen alborotar". Chegarán a tempo os cambios?

Ningún comentario: