sábado, 6 de xullo de 2013

OS INTOCABLES

Fermín Bocos
O peor non é a corrupción que aquí e alá salpica a case todos os partidos. O desolador é a escasa, por non dicir nula, vontade de cortar polo san que se detecta nas cúpulas dos grandes partidos. Así as cousas, resulta que a tarefa de sanear o país e rematar coas prácticas políticas corruptas queda en mans dos xuíces. É o seu un traballo non exento de presións porque tamén é frecuente que dende os partidos dos investigados por casos de corrupción poñan en circulación todo tipo de insidias deseñadas coa insá vontade de desacreditar o xuíz ou o fiscal encargado do caso. Insidias que recollidas polos medios afíns acaban creando estados de opinión hostís. Non é cousa de agora, vén de lonxe.
Vímolo cando algúns dirixentes do PSOE (con Rodríguez Ibarra á cabeza) cargaron contra o xuíz Marino Barbero nos días nos que o maxistrado investigaba Filesa e as demais empresas dunha trama de financiamento ilegal que deu no cárcere cos ósos dalgún parlamentario socialista. Volvémolo ver no caso dos ERES de Andalucía que investiga a xuíz Alaya e estamos a ver que se repite cando Carlos Floriano, (voceiro do PP ), sen cortarse un pelo, acusaba o xuíz que indaga as ramificacións do caso Bárcenas de abrir "unha causa xeral contra o PP".
Afortunadamente o maxistrado Ruz non se deixou intimidar e Luis Bárcenas, tesoureiro do PP ata hai uns meses, foi enviado a prisión.
Presións dos políticos, cando non actitudes despectivas encamiñadas a desacreditar os xuíces ou aos policías que lles axudan nas investigacións. " Que coño é a UDEF? " preguntaba con altivez e desprezo Jordi Pujol, amolado por unha pregunta sobre as andanzas do seu fillo Oriol Pujol (secretario xeral de CDC) implicado nun caso de presunto tráfico de influencias que foi investigado por esta unidade policial de elite.
Son formas inaceptables de presión; intentos de coaccionar os que cumpren co seu deber. Menos mal que os xuíces aguantan e seguen traballando para depurar corruptelas. Son a nosa última esperanza para rematar cos políticos corruptos que viñeron actuando coma se fosen intocables.

Ningún comentario: