luns, 23 de xuño de 2014

OIA ENCARGA O PROXECTO PARA DERRUBAR O TALASO

O xulgado advirte o Concello que se non pon en marcha a demolición ditada en sentenza firme será sancionado.

O Concello de Oia, na provincia de Pontevedra, encargou finalmente e de mala gana a redacción do proxecto de derrubamento do Hotel Talaso Atlántico, levantado sobre as rochas en Mougás con 4,5 millóns de axudas oficiais e con sentenza firme de derrubamento dende 2009 por ocupar o dominio público cunha licenza declarada ilegal. O alcalde, Alejandro Martínez (PP), asinou un decreto o 29 de maio polo que adxudica o traballo a O.P.V. Arquitectura e Urbanismo por un importe de 8.040, 66 euros.
O decreto rubrícao o rexedor tan só seis días despois de que o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra lle remitise unha providencia en que lle daba 10 días de prazo para "indicar en que estado se encontra a execución en canto á demolición refírese", ou expoñerse a unha multa de 1.500 euros " e se aínda así segue sen verificar o requirimento reiteraranse as devanditas multas ata a completa execución do fallo xudicial".
O enfado da maxistrada resulta da acumulación de avisos ao rexedor no mesmo sentido. Xa en abril do ano pasado avisou a Rodríguez de que lle impoñería sucesivas multas en tanto non puxese en marcha o derrubamento. O Concello recorreu a decisión sen éxito e finalmente decretou a demolición na última semana do ano pasado, a punto de que expirase prazo. En febreiro, e nos mesmos termos -ou resposta ou multa- volveu pedir información o xulgado. O ultimato máis recente é o de maio, ao que se responde con no encargo de redacción do proxecto de derrubamento.
A frouxidade municipal ten os seus defensores. O dono do hotel, especializado en terapias con auga mariña, Jesús Pérez Gil, solicitou o ano pasado o apoio do entón presidente dos empresarios pontevedreses e agora dos galegos en xeral, José Manuel Fernández Alvariño, e de alcaldes da bisbarra para reclamar laxitude no cumprimento da lei en nome dos 60 empregos directos do complexo. E ata o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se inclinou en xaneiro, unha vez aprobado a orde de derrubamento, por buscar unha solución legal polo suposto "enorme contido turístico, económico, social e laboral" do Talaso. O Concello de Oia sostén a controvertida tese de que a aprobación do Plan de Ordenación (pendente dende 2006) podería branquexar o expediente.
Pero o caso é que o edificio hoteleiro invade o dominio público de Demarcación de Costas -que tamén ameaza con quitarlle a concesión- porque a suposta norma municipal que o ampara non existía, segundo o Concello de Oia por un erro administrativo. As verteduras fecais do complexo tamén estiveron baixo sospeita xudicial. 

Ningún comentario: