venres, 12 de setembro de 2014

O NOVO CURSO POLÍTICO

Está a comezar un dos cursos políticos máis difíciles da historia de España cuxa primeira lección será a Diada do xoves que fará re verdecer o problema catalán. Despois virá a lei de consultas, a convocatoria do referendo e os recursos do Goberno ao Constitucional... A incógnita catalá non estará despexada ata saber se a Generalitat mantén a consulta ou se abren novas vías de diálogo dentro da legalidade. É o primeiro problema que ten formulado o país.
Do Ebro para aquí os políticos están entretidos co que chaman "rexeneración democrática", cuxa medida estrela é, por agora, a reforma electoral para que goberne nos concellos a lista máis votada, reforma que en Galicia ten o engadido da redución de 75 a 61 do número de efectivos no Parlamento. A formulación do Goberno é lexítima, pero non parece normal que aprobe agora coa súa soa maioría unha reforma que presenta en nome da rexeneración democrática e pon en perigo o consenso constitucional cos socialistas, que poden ser os seus aliados para facer fronte ao desafío catalán.
Hai outros dous asuntos que se aclararán ao longo do curso político. O primeiro é se o novo dirixente do PSOE consolidará o seu liderado, cuestión importante para a estabilidade política do país. O segundo é a traxectoria que seguirá Podemos, unha utopía programática que apunta a terceira forza política, que ameaza ao bipartidismo que gobernou España nos últimos trinta anos e conmociona os alicerces do modelo democrático que nos demos.
Cataluña, reforma electoral, a irrupción de Podemos e das Mareas que busca agrupar á esquerda para as municipais... Pero a cuestión que máis preocupa á xente é a deriva que tome a economía. O crecemento "con raíces profundas que veu para quedar", como gusta dicir o presidente do Goberno, xa non promete ser tan firme e intenso. En agosto rexermolou o paro, existe risco de deflación, caen as exportacións polos problemas que arrastran Alemaña, Francia e Italia e pola crise de Ucraína... As contas xa non saen tan ben. Hai que esperar que a nova política do BCE actúe como revulsivo.
Estas son algunhas das cuestións pendentes que anuncian "un outono quente", que se prolongará ata o mes de maio cando se celebren as eleccións autonómicas e municipais. Como se resolvan moitos deses asuntos pode resultar crucial para o futuro do país e determinante para as nosas vidas e haciendas.

Ningún comentario: