xoves, 2 de outubro de 2014

CURSO DE DEMOCRACIA

Apunteime nun Curso de Democracia que dan nunha academia do meu barrio. Estou a desexar que empecen as clases porque así me decatarei de quen ten razón no de Catalunya, se os dirixentes cataláns aos que non lles cae da boca a palabra democracia ou os dirixentes nacionais que din que o democrático é que decidan todos os españois. Estou feito unha lea. Porque se só son demócratas os cataláns que defenden o seu dereito a decidir ¿quere dicir que os españois que defenden o contrario non o son? É moi raro que a democracia consista en facer o que diga eu, e o que non o acepte non é demócrata. Paréceme que isto non ten arranxo, uns queren a independencia e outros non están dispostos a concedela de ningún xeito. E non caben posicións intermedias. Aínda que lles concedesen máis soporte económico ou mesmo aínda que se aprobase o federalismo - que non sei ben en que consiste nin en que se diferencia do amplísimo autonomismo - daría igual porque só se pospoñería o problema e a desafección continuaría. Non sei, debo de ser un reaccionario antidemócrata. A ver se na academia o aclaran.
O mesmo que o de que o Tribunal Constitucional é un tribunal político elixido politicamente. Non sei que outra forma habería de elixilo. Ademais creo que é máis ou menos así en todas as democracias do mundo, porque ¿como o van elixir directamente os cidadáns se non saben quen é nin que méritos teñen os candidatos? Os cidadáns elixirían os que creran que eran os mellores ou sexa os que sintonizaran mellor coas súas ideoloxías e sería o mesmo que co sistema actual.
Outra cousa que espero que aclaren no curso é se o PSOE é de esquerda. Os que o dirixen din que si, as bases din que regular, e a oposición de esquerda-esquerda di que non e que non lles serven. Sería importante sabelo, e sobre todo saber se é demócrata, porque, sen ir máis lonxe, no de Catalunya din que non se pode votar se non se reforma a Constitución, sabendo que non se poderá reformar porque non se poñerán de acordo nas reformas.
Creo que van conxelar os salarios por quinto anos consecutivo. ¿É isto democrático? Mentres uns se forran, a pobreza aumenta e en Caritas teñen que atender a 2,5 millóns de españois, un 37% máis que o ano anterior. E a luz subiu un 11% no último trimestre. ¿É isto democrático? Non entendo por que houbo e hai tantas manifestacións para tantas cousas, batas brancas, mestres..., e para o da luz ningunha. ¿Ou a enerxía non é un ben esencial? Ou será que nos queren condenar a que vivamos ás escuras, cando as pensións só subirán un 0,25% o próximo ano?
E o gordo gordo é o da vivenda. Pero que escarnio é este! Fai falta ser viláns para deixar as familias sen as súas casas! Que democracia máis sospeitosa!
E o do artigo 135. O pagamento polos intereses da débeda supera o presuposto de todos os ministerios!
E o de...
E o de...
E o de...
Será un curso apaixoante. E creo que ao final che dan un diploma. Co que xa podes opinar sobre o que é a democracia. Menos mal, porque a matrícula custa un pico.

Ningún comentario: