sábado, 13 de maio de 2006

A XUNTA DE GALICIA DEBE DENEGAR A APROBACIÓN DEFINITIVA DO PXOM

NOTA DE PRENSA
.
Alternativa Veciñal considera que a Xunta de Galicia debe denegar a aprobación definitiva do Plan Xeral do Concello de Vigo, en base ás gravísimas carencias, referentes á legalidade do devandito Plan, que se describen exhaustivamente no dictame que se entregou hoxe a cada un dos membros da Corporación Municipal, ao Xerente de Urbanismo e máis ao Secretario do Concello.
-Non se trata de carencias puntuais nos contidos nin na documentación. No informe fanse constar, en base á lexislación vixente, serias deficiencias na Memoria Xustificativa, Económica, Estudo de Sostibilidade, Cualificación do Solo e Presentación dos planos de información e ordenación, entre outras.
-Ademais, detéctase a ausencia de trámites de procedemento de carácter esencial que obrigan a retrotraer o procedemento administrativo á súa fase inicial ou ser reformulado para evitar que se repitan as consecuencias dos litixios que se veñen producindo nos últimos anos. A seguridade xurídica do Plan debe ser unha finalidade de primeira orde e o PXOM non cumpre este obxectivo.
-Por outra banda, as modificacións do contido do PXOM no decurso dos pasados meses e a resposta ás alegacións presentadas a través da páxina web, e non por escrito, supoñen unha flagrante vulneración das garantías de participación cidadá no planeamento urbanístico e esixen unha nova exposición pública do PXOM.
-Como non parece que o PP e o BNG estean dispostos a emendar as graves deficiencias que presenta o documento, terá que ser a Xunta de Galicia quen tome a decisión última e devolva o PXOM, ao Concello vigués, nun exercicio de independencia política.
-Alternativa Veciñal, acolléndose ao dereito que asiste a calquera cidadán de esixir diante dos órganos administrativos o cumprimento da lexislación e do planeamento urbanístico, fará chegar ao Goberno Galego os informes e as peticións correspondentes se, como é previsible, o PXOM pasa o trámite de aprobación no Pleno do Concello de Vigo.
Vigo, 13 de Maio 2006

Ningún comentario: