martes, 23 de xaneiro de 2007

SE CORRIXE O PXOM



O Concello de Vigo recoñece que ten que corrixir o PXOM e subsanar todas as súas deficiencias

.
A alcaldesa asume agora introducir en seis semanas todos os cambios sinalados pola Xunta dende hai dous anos para adaptar o Plan á legalidade vixente
A Consellería de Política Territorial comprométese a resolver canto antes reiterando que se o Concello corrixe o PXOM para garantir a seguridade xurídica, Vigo terá Plan no 2007
A CPOTPT acurtará os prazos de tramitación para resolver nun mes dende a entrada do documento corrixido e sometido a unha nova aprobación provisional polo pleno do Concello
María José Caride ofreceu colaboración ao Concello a través dunha comisión de traballo que revisará os cambios que se introduzan para subsanar as deficiencias do documento

Santiago, 23 de xaneiro de 2007.- A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, amosou hoxe a súa satisfacción pola disposición amosada agora pola alcaldesa de Vigo, Corina Porro, para introducir no Plan Xeral de Ordenación Municipal todos os cambios necesarios para adaptalo á legalidade vixente. Así o manifestou a conselleira trala reunión mantida esta mañá coa alcaldesa e técnicos de ambas Administracións na que se acordou crear unha comisión que se reunirá todas as semanas para realizar ditas modificacións. Segundo o manifestado hoxe, a alcaldesa recoñece que ten que corrixir o PXOM e subsanar todas as súas deficiencias, para o que se fixou un prazo dun mes e medio. Compre lembrar que a responsabilidade na elaboración dos plans xerais de ordenación municipal é única e exclusivamente competencia dos concellos, e a Dirección Xeral de Urbanismo da CPTOPT únicamente vela polo cumprimento de todas as esixencias legais. Correspóndelle polo tanto ao Concello de Vigo introducir no seu documento todos aqueles cambios que lle son requeridos pola Consellería de Política Territorial, moitos deles advertidos xa hai dous anos.
O compromiso adquirido hoxe supón a reunión semanal dunha comisión de traballo que irá avaliando as modificacións propostas polo Concello e da que se levantará unha acta para reflexar o grao de avance e a posición de cada unha das partes. Con estas reunións, a alcaldesa comprométese a realizar todos os cambios precisos nun prazo de mes e medio. Nese tempo, o Concello propúxose introducir no PXOM todos os requisitos que a Xunta lle ven reclamando dende hai dous anos, correxir o documento e sometelo novamente a aprobación provisional por parte do pleno municipal. Neste momento, a CPTOPT, unha vez recibido o documento e constatadas todas as correccións e a plena seguridade xurídica do Plan, dase un mes para resolver, en vez dos tres fixados por lei. Deste xeito acurtará os prazos de tramitación para resolver canto antes reiterando que se o Concello corrixe o PXOM para garantir a seguridade xurídica, Vigo terá Plan no 2007.
Segundo indicou Caride, “o Concello manifestou a súa predisposición a incorporar todos os cambios, e se fai ese traballo, como non pode ser doutra forma, o PXOM será aprobado pola Consellería”.
En total, a Consellería de Política Territorial detectou en torno a un cento de deficiencias que se poden resumir nunha desmesurada e insostible extensión da cidade, infraestruturas básicas escasamente dimensionadas, carencias na estratexia de desenvolvemento e incorreccións na clasificación do solo, problemas que afectarían á calidade de vida dos cidadáns e á seguridade xurídica daqueles que adquiran unha vivenda no Concello. Os cambios esixidos obrigan tamén ao Concello de Vigo a correxir no PXOM as carencias expresadas nos informes sectoriais vinculantes de Costas, Estradas, ferrocarrís e Augas de Galicia, así como a incorporar a resolución da Comisión Superior de Urbanismo e obter da Consellería de Medio Ambiente a resolución sobre o procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica ou a declaración de inviabilidade prevista na Lei 9/2006 sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.
Todas estas carencias, boa parte delas sinaladas xa no informe previo á Aprobación Inicial emitido pola anterior Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda en 2004 e que aínda persisten, impiden a aprobación do PXOM ao non garantir a súa seguridade xurídica.
Trala xuntanza de hoxe, que durou aproximadamente unha hora, e o cambio de postura da alcaldesa, que acata agora subsanar as deficiencias que contén o Plan de Vigo, a conselleira expresou a súa confianza en que Vigo e os seus cidadáns conten canto antes “co Plan que necesitan e merecen”. Pola súa banda, a alcaldesa amosou a disposición do Concello a introducir os cambios que se lle viñan demandando dende 2004 e “colaborar ao cen por cen” coa Consellería.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Tal e como estaba previsto, unha de cal e unha de area... o importante son os réditos políticos e o menos importante somos nos, os afectados... E triste pero esta e a realidade...
Señores aquí hai 40.000 votos! Quen os quere?. Son todos iguales, PGPSOEPPBNG son o mesmo partido. Contenciosos a gogó !!!