.
O PXOM de Vigo adoece dunha formulación errónea de partida baseado nun crecemento de poboación utópico de 100.000 habitantes. A súa aprobación causaría a afectación inxustificada de millóns de metros cadrados sine díe, e autorizaría o tráfico de bens, dos seus actuais e lexítimos propietarios, a mans dos promotores inmobiliarios.
Hai que ter en conta que os concellos da área metropolitana tamén teñen plans de desenvolvemento, e que os prezos das súas vivendas son máis baixos, o cal atraerá aos mozos de Vigo que inician a súa vida. Nunha etapa de difícil sostibilidade do actual crecemento no sector da construción (subida de tipos de xuros e excesivo prezo de mercado da vivenda en Vigo). ¿Quen vai mercar todos eses miles de vivendas que se engadirían aos miles que na actualidade permanecen pechadas? ¿A quen lle entra na cabeza?
Para atender aos especuladores hipotécase a actual idiosincrasia da área de Vigo que, ordenada, sería a envexa de moitas cidades.
Que este Plan teña un promotor que se chama BNG, que se autoproclama progresista e amante do territorio e a nosa forma de vida, revela cal era a súa misión e cales as súas verdadeiras intencións.
Que o Partido Galeguista aprobe o PXOM, dicindo que incumplía a lei, dános unha idea do nulo respecto que ten pola xustiza e os vigueses, e para que está no Concello.
Que este Plan sexa asumido integramente polo PP, acláranos quen serán os seus verdadeiros beneficiarios.
E logo, todos eles din que o fan polo beneficio de Vigo.
Vigo, 31 de Xaneiro de 2007
Ningún comentario:
Publicar un comentario