domingo, 25 de marzo de 2007

INSOSTIBILIDADE








TODO UN EXEMPLO DE INSOSTIBILIDADE MUNICIPAL
.
Visto o empecinamento en urbanizar o rural polo “goberno da cidade de Vigo” e, tendo en conta que para combater o cambio climático é necesario actuar así no grande como no pequeno; aquí, no Amazonas como en Sumatra; o mellor que se pode facer desde a Xunta de Galicia para que Vigo contribúa ao desenvolvemento sostible é a loita contra o quentamento global, é resolver que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo é inviable.
Porque non se pode, desde a Xunta de Galicia, ter unha política clara e decidida en tal sentido, e, ao mesmo tempo, aprobar un PXOM cuxa “incidencia sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sostible”, necesariamente vai ser moi negativa. Un Plan que xa é insostible na súa propia elaboración. Cantidades inxentes de enerxía, de tempo e de diñeiro despilfarráronse para obter un produto que, tras a máscara sedutora do progreso e declaracións enganosas, é, o mesmo, reflexo dunha realidade caótica: desordenada, ilegal, contaminante e chea de carencias. Entre elas, a da concellería de urbanismo, que presenta un abandono de funcións en materia de infracción urbanística, sen que ninguén desde as Institucións e Administracións o impída; e unha depuradora produto dunhas actuacións infames pola que, en xustiza, deben pagar os responsables do despilfarro, de actuar antepoñendo o propio interese, de contaminar a ría de Vigo e atentar contra a saúde dos cidadáns, especialmente cos veciños de Coruxo. ¡Canto dano se podería evitar soamente con facer as cousas ben!
Insostible é que o equipo redactor do Plan foi xuíz e parte. Consultora Galega redacta o Plan e contesta ás alegacións. Non demostra que non estean xustificadas nin que non persigan o interese xeral. Se os cidadáns queren asistir ao acto público da aprobación do Plan, póñense todas as trabas posibles á súa participación. Se os informes dos técnicos municipais son desfavorables, cámbiaselles de departamento. Se os informes sectoriais son negativos: ocúltanse ou minimizan ou non se lles fai caso. Aos cidadáns négaselles un referendo en contra da lei e do Regulamento de Participación Cidadá alegando que a redacción do Plan é unha responsabilidade compartida coa Xunta de Galicia; e, cando a Xunta actúa con responsabilidade no exercicio das súas competencias pedindo correccións, contéstaselles que o modelo elíxeo Vigo (en realidade, eles); coma se o modelo puidese ser calquera, ata ilegal e insostible.
Insostible é unha administración local cuxo funcionamento nada ten que ver coa vida real. Pode ser ineficaz e incumprir a legalidade durante 4 anos e non hai un mecanismo de control democrático que preveña os danos e prexuízos que causa esa forma de desgoberno. E se o hai, ninguén que teña esa responsabilidade o acciona. Os cidadáns están sós e cando a administración de xustiza chega, o dano xa está feito. É obvio que se necesita que cambien as leis para que un procedemento administrativo tan ineficiente como o que seguiu o PXOM de Vigo -custa menos facelo ben-, onde non se respectou a lei e non se atendeu aos cidadáns, non se volva producir. Os cidadáns non podemos estar montando garda durante anos e anos para evitar desmáns dos gobernantes. Son necesarios mecanismos de control eficaces que impidan que un goberno poida burlarse dos cidadáns. As medidas necesariamente han de ser preventivas e os organismos deben ser plurais, independentes dos grupos de interese, sexan partidos ou lobbys; non ter interese directo no asunto sobre o que se pronuncian e non recibir subvencións de quen si o teñen.
Antes de propoñer a necesidade de integrar a expansión urbana da cidade nunha paisaxe e unha cultura rural, hai que preguntarse se o que é percibido, como unha invasión, polo rural é necesaria, xusta e sostible en termos ecolóxicos. Se a calidade de vida percibida no rural é maior que a percibida na cidade; se o respecto ao medio ambiente e o equilibrio coa natureza é maior; con que argumentos, como non sexan os de apropiarse do que non é seu para facer negocio con el, pode xustificarse a destrución dun modo de vida superior en calidade.
A Xunta de Galicia non pode, en conciencia, asinar a aprobación do PXOM de Vigo. Destrúe o rural, pretende penalizar ao que construíu de acordo coa lei e legalizar ao que non a respectou; permite interpretacións que benefician aos promotores e construtores e poden ser causa de futuros litixios; é un exemplo de mal facer profesional, e enfróntase ás leis con soberbia e falta de respecto. Todo un exemplo de insostibilidade municipal.
Vigo, 9 Marzo 2007

Ningún comentario: