xoves, 15 de marzo de 2007

CORRIXIR O PXOM DE VIGO


O Concello de Vigo aínda ten que corrixir aspectos do seu PXOM relacionados con clasificacións erróneas do solo

.
Na reunión de hoxe analizáronse criterios de programación e estratexias de actuación do Plan, pero quedan pendentes de próximas reunións outros cambios na clasificación do solo, a visión de conxunto do documento ou a aplicación dos informes sectoriais

.
Santiago, 12 de marzo de 2007.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes foi hoxe sede da quinta xuntanza de traballo para supervisar as correccións esixidas na Orde 19/02/2007 que o Concello de Vigo ten que introducir no seu PXOM para adaptalo á legalidade vixente e dotalo de seguridade xurídica.
No encontro de hoxe, que durou máis de tres horas, participaron o director xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, e técnicos deste departamento, así como representantes da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo. Na xuntanza analizáronse os criterios de programación e estratexias de actuación do PXOM e a súa relación coa posta en cargas dos solos urbanos non consolidados e dos solos urbanizables delimitados.
En reunións anteriores se estudaran os cambios que o Concello deberá introducir na clasificación de solos urbanos que non reunían os requisitos esixidos por lei (carecían dos servizos necesarios para a súa clasificación como tal ou non se xustificaba a súa consolidación pola edificación existente nas súas dúas terceiras partes). Non obstante, e trala reunión de hoxe, quedan pendentes para próximas reunións bastantes das cuestións recollidas na Orde 19/01/2007, como son, aínda, correccións en clasificacións erróneas do solo en ámbitos calificados no documento como solo non urbanizable ou solo rústico.
Tamén queda pendente a visión de conxunto do PXOM ou a inclusión de varios informes sectoriais (Costas, ferrocarrís ou avaliación ambiental estratéxica), así como a aplicación de todos os informes sectoriais que o Concello non incluíra no PXOM remitido á CPTOPT para a aprobación definitiva e sobre o que se emitiu a Orde 19/01/2007.
Á espera de que se concrete a data da próxima reunión, a Consellería de Política Territorial reitera a súa intención de colaborar co Concello de Vigo e espera que este subsane as deficiencias sinaladas na Orde 19/01/2007, moitas delas xa detectadas en 2004 e que permanecen aínda sen corrixir. Agora, o Concello debe realizar as correccións esixidas, aprobar novamente o documento no seu pleno municipal e remitir o Plan á CPTOPT para que esta resolva sobre a súa aprobación definitiva.

Ningún comentario: