xoves, 29 de marzo de 2007

NOVAS DA XUNTA DE GALICIA

A conselleira de Política Territorial sinala no Parlamento que os erros do PXOM de Vigo sobre as vivendas das Roteas son un bo exemplo das deficiencias do documento
.
María José Caride asegurou que “a actuación que desenvolve a Consellería de Vivenda non ten ningunha traba”
.
Santiago, 28 de marzo de 2007.- A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, respondeu esta tarde no Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre os erros contidos no PXOM de Vigo que afectan ás vivendas das Roteas que impulsa a Consellería de Vivenda e Solo. Segundo indicou Caride, non existe ningún desencontro entre ambas consellerías, xa que é o Concello de Vigo o responsable de clasificar correctamente no seu PXOM o solo no que logo a Consellería de Vivenda desenvolverá o seu proxecto. A conselleira sinalou que estas vivendas se executarán “mediante un estudo de detalle e en proceso de urbanización”, indicando que debe ser o Concello o que debe “incorporar os documentos xustificativos cos que acreditar a concorrencia dos requisitos establecidos na lei”. “A actuación que desenvolve a Consellería de Vivenda non ten pois ningunha traba”, concluíu Caride.
A conselleira manifestou que os erros do PXOM de Vigo sobre as vivendas das Roteas son un bo exemplo das deficiencias de documentación que contén o plan. Deficiencias que xa foran sinaladas no 2004 pola Consellería de Política Territorial dirixida polo PP pero na que xa estaban os mesmos técnicos que agora avalían o PXOM vigués. Por iso, María José Caride espera “que o Concello se poña a facer o seu traballo para que poidamos aprobar o plan que Vigo necesita”. A titular de Política Territorial tamén se preguntou “qué fixeron dende 2004 ata agora para que persistan os problemas” e pediu ao PP que deixe de facer cábalas sobre a resolución final da CPTOPT sobre o PXOM. Neste sentido, apuntou que o que ten que facer o Concello é solventar os erros sinalados na Orde 19/01/07, aprobar novamente o PXOM en pleno e remitir toda a documentación e informes sectoriais necesarios para que a Consellería poida resolver sobre a súa aprobación definitiva garantindo a necesaria seguridade xurídica. Así, indicou que anulación do PXOM de Carballo, onte mesmo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “pon de manifesto que a Consellería ten que facer o seu traballo co fin de garantir o cumprimento da legalidade vixente e a necesaria seguridade xurídica”.
María José Caride, por último, sinalou que a Consellería de Política Territorial e os seus técnicos traballan con criterios de “transparencia e obxectividade con todos os concellos, independentemente da súa cor política”.

Ningún comentario: