sábado, 28 de abril de 2007

O PROBLEMA AMBIENTAL DE VIGO



.
.
¿VIGO NON TEN UN PROBLEMA AMBIENTAL?


.
..
Os medios de comunicación informan que o conselleiro de Medio Ambiente dixo que o problema do PXOM de Vigo non é medioambiental, senón urbanístico e político. Basta ver como está Vigo e a sua ría, cales son os seus problemas ambientais e buscar as causas que o orixinan.
.
Abastecemento de Auga: Gasta 30 m3 de auga, necesítelos ou non, porque che van a cobrar o mesmo. O conselleiro vén dicir que estimular o consumo de auga non constitúe un problema ambiental.
.
Saneamento: Construíron unha depuradora en Coruxo que non depura as augas residuais da cidade de Vigo, enviándoas tal cal ao mar, contaminando o seu ecosistema e provocando risco sanitario para a poboación da súa contorna e na desembocadura do Lagares e en Samil. O conselleiro vén dicir que unha cidade non depure as súas augas residuais non constitúe un problema ambiental.
.
Movilidade: A "ordenación" do tráfico en Vigo ten como obxectivo configurar un circuíto ou labirinto que dificulta a circulación de vehículos e alarga os tempos de desprazamento pola cidade. As actuacións inconexas das sucesivas corporacións e a ausencia dun plan de tráfico coherente e a longo prazo que permita a súa realización ordenada ao longo dos anos provocan a lamentable situación actual. O conselleiro vén dicir que a contaminación (acústica, atmosférica e, ata, visual) producida polo tráfico de vehículos non constitúe un problema ambiental.
.
Residuos sólidos urbanos: A economía actual estimula unha veloz cultura urbana e consumista que xera (salvo excepcións) unhas prácticas que incrementan as producións de residuos, que o máis importante para os fabricantes non é que os mesmos sexan reciclables, e que cada vez sexan máis contaminantes; para os cidadáns irresponsables resulta máis fácil e barato contaminar. A destrución dunha cultura rural que tradicionalmente evitou ou dado utilización aos residuos; e os movemento de terras para construír pisos baleiros, se se leva a cabo o PXOM de Vigo, non constitúe para o conselleiro un problema ambiental.
.
Quizais o Conselleiro de Medio Ambiente non o dixo. En todo caso, se non recoñecemos que existe un problema ambiental de primeira orde en Vigo e a súa ría. Que existe unha causa fundamental: a cidade de Vigo; fai prácticas inconscientes e irresponsables que contaminaron e contaminan o medio ambiente, pecaremos de bos. O PXOM de Vigo non se redactou seguindo o principio de desenvolvemento sostible. Sabémolo; o dictame elaborado polo Dr. Montalvo demóstrao rigorosa e fehacientemente. A estas alturas dicir que o PXOM de Vigo (unha ferramenta cada vez máis inservible) non precisa Avaliación Ambiental Estratéxica -non nos esquezamos da participación cidadá- é lanzar (no fondo) unha mensaxe aos cidadáns: vostedes non se preocupen, sigan contaminando, nós os socialistas arranxarémolo.
.
Cremos que o respecto e o coidado do medio ambiente debe ser un labor de todos. Sr. Conselleiro obrigue xa ao Concello de Vigo a realizar a Avaliación Ambiental do PXOM de Vigo, e non impida que os cidadáns podamos participar.

Ningún comentario: