luns, 30 de abril de 2007

PACTO PSOE BNG

Socialistas e nacionalistas anuncian un pacto contra Porro.
.
Os candidatos de PSdeG e Bloque en Vigo confirmaron onte -por primeira vez de forma explícita- que o primeiro concello de Galicia terá un goberno de progreso no caso de que as urnas non determinen unha maioría absoluta. Tanto Abel Caballero como Santiago Domínguez mostráronse convencidos, en declaracións á Cadena SER, de chegar a un entendemento para reeditar en Vigo a coalición que goberna na Xunta.
Caballero augurou que un goberno encabezado por el e co apoio do BNG aportará a Vigo a estabilidade que precisa. "Creo que a fórmula de Galicia PSOE-BNG cun alcalde socialista é un bo modelo para esta cidade, proporcionaralle estabilidade e creo que será o goberno que cambiará e levará adiante todos os proxectos que aquí están parados como o AVE, o aeroporto ou a vivenda", asegurou.
No mesmo sentido pronunciouse o cabeza de cartel do BNG, Santiago Domínguez quen augurou bo entendemento entre socialistas e nacionalistas despois do 27 de maio: "Eu con Abel Cabaleiro lévome ben, as persoas que me coñecen saben que comigo é fácil entenderse, despois do 27 a cidade volverá repetir un escenario como o de fai anos dun pacto de goberno".
Ambos candidatos descartaron que Vigo poida reeditar logo destes comicios unha experiencia similar ao frustrado bipartito de Ventura Pérez Mariño e Lois Pérez Castrillo que deixou a alcaldía viguesa en mans de Corina Porro, malia que o PP só conta con 10 dos 27 concelleiros. Caballero culpou dese fracaso a "circunstancias que agora non se dan absoluto" e explicou que "o PSOE sabe ben o importante que é que a esquerda goberne Vigo e que o faga con estabilidade".
Domínguez pola súa banda atribuíu o "fiasco" da anterior legislatura a unha "cuestión persoal" de alguén "que nunca entendeu o que significaba un goberno de coalición", dixo en referencia ao ex alcalde socialista Ventura Pérez Mariño. O candidato nacionalista tamén descartou de modo tallante calquera posible acordo postelectoral co Partido Popular: "O PP negoulle a Galicia moitas cousas, entre elas o Estatuto e ademais ten unha visión que nalgúns casos presenta características preconstitucionais".
O AVE cumprirá os seus prazos
O candidato socialista que será apoiado polo presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, durante a campaña electoral, mostrouse convencido de que o Ministerio de Fomento cumprirá os prazos do AVE e atribuír á súa propia intermediación e a do presidente da Xunta no principio do ano: "Durante o pasado mes de xaneiro produciuse unha circunstancia moi importante, na cidade había dúbidas pero eu e o presidente da Xunta suscitamos a nosa posición con contundencia e conseguiuse o compromiso de Zapatero".

Ningún comentario: