mércores, 16 de maio de 2007

DECÁLOGO DE OUTRO VIGO É POSIBLE

A partir das suxerencias dos socios e socias, das aportacións dos diferentes documentos elaborados pola propia asociación, por outros colectivos e por persoas expertas nos diferentes temas, OUTROVIGO elaborou un decálogo que recolle aqueles aspectos que, na nosa opinión, debería ser obxecto de principal atención na campaña electoral e nos próximos catro anos de mandato municipal.
.
DECÁLOGO
.
1. Protección dos dereitos cidadáns no ámbito municipal.
.
O Concello debe desenvolver unha política activa en relación ao respecto e defensa dos dereitos cidadáns dos veciños. Para elo propoñemos tres posibles liñas de actuación:
1) A Administración Local debe procurar unha solución directa e extraxudicial ás situacións de conflito, sen obrigar sistematicamente aos cidadáns a recorrer aos tribunais de xustiza para obter o recoñecemento dos seus dereitos.
2) Débense corrixir as deficiencias do funcionamento do Concello que sexan denunciadas polos cidadáns –tanto de xeito individual como colectivo- e que incidan no ámbito dos seus dereitos fundamentais. Neste sentido os informes dos Valedores nos seus distintos niveis poden e deben ser referentes inexcusables.
3) As Administracións Locais deben promovelo respecto á dignidade e á calidade de vida daqueles que habitan no seu territorio. Un instrumento útil neste sentido é o que pódese derivar da adhesión do Concello –polo seu intrínseco valor coma texto-guía neste ámbito- á “Carta Europea de Salvagarda dos Dereitos Humanos na Cidade” (Carta de Saint-Denis de 18 de maio de 2000).
.
2. Mobilidade e accesibilidade sostibles
.
Realización dun
“pacto de mobilidade,” que implique á cidadanía, a fin de substituír os medios de transporte motorizados por outros de maior eficacia ambiental e social, potenciando o transporte colectivo como alternativa ao automóbil privado, diminuíndo a mobilidade motorizada e facilitando a accesibilidade mediante sendas peonís e ciclistas.
Adoptar a proposta de UGT sobre a saída sur con creación da Estación Intermodal de Sárdoma como punto de lanzamento do tren metropolitano de proximidade (Eixe Vilagarcía-Salvaterra-Viana), o metro urbano, a conexión co porto de Bouzas e cos grandes núcleos de mobilidade: aeroporto, universidade, hospitais (Meixoeiro e o novo de Valadares) ,zonas industriais, as praias e o Val Miñor.Creación dun consorcio metropolitano de transporte con integración tarifaria dos diferentes operadores e coordinación estrita dos distintos medios de transporte (tren, bus urbano e interurbano, barco e taxi)
.
3. Cidade e territorio
.
Concibir a cidade com
o un recipiente estanco non é só un erro desde o punto de vista funcional senón que rompe a solidariedade que debe presidir a relación entre tódolos cidadáns. A cidade debe reafirmar a súa vocación de constituírse en nodo dunha rede que abrangue un espazo máis amplo que o termo municipal. Relacións económicas, comerciais, culturais e sociais conectan a cidadáns, empresas e institucións conformando un único territorio que demanda a posta en marcha de mecanismos de decisión, de sínteses de vontades e de prestación de servizos. Vigo, pola súa importancia, debe liderar a potenciación desta rede, e apostando por compartir e intercambiar, fuxindo da imposición e da competencia inútil. A planificación do territorio, o transporte, o abastecemento de augas e a xestión cultural poden ser algúns dos apartados onde comezar a dar pasos.
.
4. Cidade educadora
.
Vigo forma parte, desde hai anos, da Asociación Internacional de Cidades Educadoras e, sen embargo, a penas se toman iniciativas para facer realidade as propostas recollidas na
Carta da Asociación do 2004. Entre os puntos recollidos no citado documento destacamos os que seguen:
Todos os habitantes dunha cidade terán o dereito a gozar, en condicións de liberdade e igualdade, dos medios e oportunidades de formación, entretemento e desenvolvemento persoal que a mesma ofrece.
Na planificación e goberno da cidade tomaranse as medidas necesarias encamiñadas a suprimir os obstáculos de calquera tipo, incluídas as barreiras físicas, que impidan o exercicio do dereito á igualdade.
As municipalidades exercerán con eficacia as competencias que lles correspondan en materia de educación. Sexa cal fora o alcance destas competencias, deberán suscitar unha política educativa ampla, de carácter transversal e innovador, incluíndo nela todas as modalidades de educación formal, non formal e informal e as diversas manifestacións culturais, fontes de información e vías de descubrimento da realidade que se produzan na cidade.
Así mesmo, o municipio no proceso de toma de decisións en calquera dos ámbitos da súa responsabilidade, terá en conta o impacto educativo e formativo das mesmas.
As cidades deberán ser conscientes dos mecanismos de exclusión e marxinación que as afectan e das modalidades que revisten, e desenvolverán as políticas de acción afirmativa necesarias. En especial, atenderán ás persoas recentemente chegadas, inmigrantes ou refuxiados, que teñen dereito a sentir con liberdade a cidade como propia. Dedicarán esforzos a fomentar a cohesión social entre os barrios e os seus habitantes de toda condición.
O municipio deberá garantir información suficiente e comprensible e incentivar aos seus habitantes a informarse. O municipio identificará os colectivos que precisen dunha atención singularizada, e poñerá á súa disposición puntos especializados de información, orientación e acompañamento.
Á súa vez, establecerá programas formativos en tecnoloxías da información e as comunicacións para todas as idades e grupos sociais coa finalidade de combater novas formas de exclusión.
A cidade educadora deberá ofrecer a todos os seus habitantes, como obxectivo necesario para a comunidade, formación en valores e prácticas de cidadanía democrática: o respecto, a tolerancia, a participación, a responsabilidade e o interese polo público, polos seus programas, os seus bens e os seus servizos.
.
5. Un novo PXOM para Vigo
.
Vigo ten que transformarse fisicamente na cidade que pode e debe ser segundo as súas potencialidades: dinamismo económico, rica personalidade diversa e natureza privilexiada. Para isto precisa unha nova cultura do territorio e un ordenamento sostible. Pero o PXOM AP-2006 é un plano esencialmente inculto, economicista e especulativo. Por iso é insostible, ilegal e irrecuperable. A Orde CPT-2007 non pode transformalo no plano que Vigo precisa. É necesario un novo PXOM. Necesario e posible, porque non é urxente. As necesidades urxentes para o desenvolvemento da cidade (solo industrial, vivenda protexida, infraestruturas, ciclo da auga, sanidade, xustiza) poden resolverse, de xeito sostible e xuridicamente seguro, en colaboración coa Xunta de Galiza e dentro do ámbito metropolitano. Vigo precisa un novo PXOM, culto e participativo. Un PXOM que faga da cidade un espazo de vivencia, convivencia, cultura e relación cotiá coa beleza e a natureza. Un PXOM que respecte os sinais de identidade desta cidade plural (urbana, mariña e rural; industrial e portuaria; galega e universal) e os consolide como un legado cultural. Un PXOM que deseñe o desenvolvemento da cidade minimizando a súa ocupación do territorio. Un PXOM integrado no ámbito territorial das Rías Baixas e que protexa os seus valores ambientais e paisaxísticos. Un PXOM acorde coa futura normativa estatal e galega sobre ordenamento territorial, urbanismo, medio ambiente, paisaxe, protección do rural e protección do litoral.
.
6. Medio ambiente e paisaxe
.
A crecente degradación ambiental e paisaxística de Vigo fai urxente a creación dunha verdadeira concellería de medio ambiente e desenvolvemento sostible, con cinco tarefas estruturais urxentes:
1. Unha estratexia local para o desenvolvemento sostible, inserida nas estratexias galega, estatal e europea, e que incluiría un programa de acción ante o cambio climático.
2. Un plan ambiental e paisaxístico, que comprendería o inventario, avaliación, protección e rexeneración do medio ambiente e a paisaxe, abarcando todos os ámbitos (núcleo urbano, medio rural, coroa de montes, leitos, humidais, litoral e ría), ademais de cooperar na protección do patrimonio arqueolóxico e da paisaxe cultural.
3. Un plan de control e xestión do metabolismo urbano (consumo de enerxía, ciclo da auga, emisión de gases, residuos industriais sólidos e líquidos, residuos sólidos, ruído). Tarefas urxentes: control estrito do metabolismo industrial (enerxía, gases, líquidos e sólidos). Normativa local de ruído con límites de emisión e inmisión que garanta a protección dos dereitos fundamentais dos cidadáns en todo o termo municipal, así como a protección do interior das vivendas contra toda contaminación acústica.
4. Un plan de infraestruturas de xestión ambiental. Tarefas urxentes: Sistema municipal de saneamento con separación de augas pluviais e fecais. Varias depuradoras sectoriais (industriais e urbanas) en lugar da macrodepuradora do Lagares. Rede de puntos limpos.
5. Participación no deseño, control e xestión do plan local para a mobilidade sostible.
.
7. Participación cidadá.
.
OVEP, como organización de participación cidadá, considera que a democracia é un proceso dinámico de interrelación entre o poder político municipal e a cidadanía, e que non é suficiente a comunicación cada catro anos por medio do voto, senón que deben articularse canles para abrir un diálogo bidireccional. Polo tanto, demandamos o desenrolo de medidas para establecer dito diálogo:
1. Garantir o acceso á información da Administración Local.
2. Consultas cidadás de opinión.
3. Presupostos Participativos.
4. Creación de Consellos Cidadás.
5. Creación de Espazos e Centros do Ensino co obxectivo de educar á xuventude na participación e na responsabilidade cívica.
6. Transparencia na xestión, retribucións e declaracións dos concelleiros.
7. Respecto ao Patrimonio cultural, histórico e social da cidade.
8. Desenvolvemento da Axenda 21 e da Carta de Aalborg, que no seu punto I.13 fala do protagonismo dos cidadáns na construción da comunidade.
A participación cidadá só se pode establecer nunha sociedade na que os cidadáns e cidadás se coñezan nun ambiente que sexa “vivo” e se identifiquen coas xeracións anteriores que fixeron a súa cidade
.
8. Recuperación do barrio histórico
.
Imprescindible redacción dun
Plano de Rexeneración Urbana, integral nos seus obxectivos e contidos e integrado na súa forma de xestión. Tal Plano debe conter as estratexias, obxectivos, medidas e accións xerarquizadas e temporalizadas que se deben acometer integradamente nos distintos ámbitos que están na orixe dos procesos de degradación: o urbanístico, o patrimonial, o social, o económico e o organizativo.
Este Plan debe ir encamiñado ás seguintes liñas estratéxicas:
- Conseguir a plena recuperación do uso residencial como uso principal do barrio, como elemento básico da revitalización e recuperación da zona.
- Garantir a conservación plena do patrimonio cultural
- Garantir a plena integración física, económica e social do Casco Vello no resto da Cidade.
- Garantir a diversidade de usos e a diversidade social.
- Recuperar a relación e a identidade do conxunto dos cidadáns vigueses co barrio que representa as súas orixes como cidade. Para lograr estas finalidades son necesarios recursos económicos, organizativos, técnicos e materiais expresos e convenientemente planificados, como:
- A creación e posta en marcha dun órgano xestor único municipal de carácter técnico- administrativo para a Rehabilitación urbana (Oficina Municipal de Rexeneración Urbana, por exemplo), de carácter pluridisciplinar e de dependencia directa da alcaldía, que liderará o proxecto como proxecto de cidade.
- A redacción e aprobación dun Plano de Rexeneración Integral, amplamente consensuado e que abranga os ámbitos do actual Casco Vello, primeiro ensanche e barrios tradicionais do Centro, así como o Casco Vello de Bouzas.
- A creación e posta en marcha dun equipo municipal permanente de obras de conservación de bens culturais, dependente do órgano xestor ou dirixido por el, encargado do mantemento especializado tanto do espazo público do casco Vello de Vigo e Bouzas, como doutras zonas e elementos de interese cultural da cidade.
.
9. Cultura
.
É preciso defender criterios de sostibilidade cultural, repensando culturalmente a cidade, construíndo un discurso histórico-cultural de Vigo, sobre os seguintes eixes:- potenciación da participación cidadá, con definición dun modelo de xestión e creación dun consello asesor
- recuperación/conservación/difusión do patrimonio
-desenvolvemento dunha política cultural dende a integración espacial abranguendo toda a actividade cultural e coordinando todos os ámbitos na súa orientación á cidadanía
- equilibrio entre a centralización de espazos e a descentralización en grandes áreas urbanas, nas que se deseñen modelos experimentais.
- atención ao patrimonio histórico artístico documental, mariño tradicional, etc- activacións dos actuais espazos culturais.
-proxección interior/exterior do patrimonio cultural e promoción alleo. acción firme na creación cultural: deseño, teatro. Fotografía/audiovisual, música, cine, etc.
.
10. Activación da interlocución
,
Vigo está a marcar unha estela de falta de entendemento entre a súa representación política e tamén unha falta de ensamblaxe do conxunto das organizacións sociais de todo tipo que integran o sociograma da cidade. A cidadanía esixe un impulso conciliador que leve a estimulación de acordos en procesos e métodos, un catálogo de boas prácticas na xestión, para abordar a solucións dos grandes problemas estruturais e o artellamento das principais estratexias de futuro. Consideramos que a praxe política debe imbuírse dunha vontade conciliadora que permita unha cidade para os cidadáns e cidadás.
Vigo debe, xa que logo, dotarse na vindeira lexislatura, como iniciativa preferente, dun novo instrumento para executar a única acción política posible: a cargada de sostibilidade.
Vigo, Maio 2007

Ningún comentario: