martes, 8 de maio de 2007

LEI DE ORDENACIÓN DO LITORAL

María José Caride defende que a Lei de Ordenación do Territorio e do Litoral salvagarda o patrimonio futuro de todos os galegos

Santiago, 8 de maio de 2007.- A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, defendeu hoxe que a Lei de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia é un instrumento fundamental para salvagardar o patrimonio futuro da costa galega para o uso e disfrute de todos os cidadáns e evitar os abusos urbanísticos.
Segundo María José Caride, a Lei aprobada hoxe “busca unha nova Galicia, un país habitable e respectuosos co seu contorno, unha Galicia da que nos sintamos orgullosos, na que termos como feísmo ou marbellización non teñan sentido”.
Durante a súa intervención ante o pleno do Parlamento, a conselleira de Política Territorial destacou que este texto lexislativo contribuirá a compaxinar o desenvolvemento económico co respecto as tradicións, ao patrimonio, ao territorio e á identidade de Galicia. Así mesmo, fixo un chamamento á unidade no obxectivo común “preservar o litoral para os nosos fillos e as vindeiras xeracións de galegos”.
A Lei de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia establece:
1-A suspensión cautelar e transitoria de todos os novos desenvolvementos urbanísticos na franxa dos 500 metros da liña litoral para determinados tipos de clasificación de solo (queda excluído o solo urbano consolidado dentro da franxa dos 500 metros do litoral):
Para todos os concellos: -Suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos nos terreos situados dentro da franxa dos 500 metros clasificados como solo urbanizable, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico.
Concellos de menos de 50.000 habitantes: -Ademais do epígrafe anterior, a suspensión tamén afecta aos terreos que, malia estar clasificados como solo urbano, non reúnan os requisitos de solo urbano consolidado e, en todo caso, aos terreos incluídos en polígonos, unidades de actuación ou de execución.
En total, a lei afecta ao 13% da superficie urbanizable dos municipios costeiros, ao redor de 3.000 hectáreas. Isto supón que a lei só afecta ao 1% do solo urbanizable de toda Galicia.
2-Unha disposición adicional recolle a posibilidade, por parte da Xunta, de utilizar os plans de incidencia supramunicipal para promover vivendas protexidas. Ata o de agora, a figura da incidencia supramunicipal estaba limitada a regular a implantación territorial de solo destinado a infraestruturas, dotacións e instalacións de interese público ou utilidade social cuxa incidencia transcenda máis aló dun termo municipal.
3- Modifícase o artigo 33 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (máis coñecida coma Lei do solo), para permitir a construción de infraestruturas de produción de enerxía renovable (por exemplo, enerxía solar fotovoltaica entre outras) en solo rústico.
4-Intégranse os procedementos de avaliación ambiental estratéxica e da redacción do planeamento dun concello, o que axilizará dito proceso.
5-Promóvese a creación do Instituto de Estudos do Territorio, que terá por obxecto, entre outros, prestar asistencia e asesoramento aos concellos para a elaboración, xestión, adecuación e execución do seu planeamento, así como realizar traballos de investigación e difusión e prestar apoio á consellería. Este Instituto, que se configurará como un organismo autónomo de carácter administrativo, tamén se encargará da análise, o estudo e o asesoramento en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
Vixencia da Lei
-A Lei entrará en vigor trala súa publicación nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia.
-En calquera caso, a súa aplicación será de carácter temporal, xa que a Lei estará vixente mentres os concellos non adapten os seus planeamentos á normativa actual, ou ben non entre en vigor o Plan de Ordenación do Litoral (que establecerá os criterios, principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral).
Concellos afectados
-Todos aqueles que non teñen adaptado os seus PXOMs á Lei 9/2002 (Lei do Solo) .
-A pesares de que a Lei do Solo daba un prazo de tres anos aos concellos para que se adaptaran (prazo que venceu o 1 de xaneiro de 2006), a día de hoxe, a Pobra do Caramiñal é o único concello costeiro que ten adaptado de forma parcial o seu PXOM á Lei 9/2002.
-Polo tanto, afecta a un total de 86 concellos (47 na provincia da Coruña, 30 en Pontevedra e 9 en Lugo), xa que non só se inclúen os costeiros, senón aqueles que lindan con ríos afectados pola interacción das mareas.
-Para facilitar a adaptación dos planeamentos, ao marxe desta Lei, a CPTOPT habilitou unha liña de axudas dotada con 39 millóns de euros en cinco anos (3 millóns xa para o presente exercicio) para financiar da elaboración de plans xerais para todos os concellos galegos con subvencións que van dende o 80% ata o 100% do custe destes traballos en función do número de habitantes.

Ningún comentario: