ALBINO PRADA BRANCO
.
Cando nas nosas cidades elabóranse os plans xerais de ordenación municipal adoita reclamarse que, na aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia, esta non entre a valorar o «modelo de cidade»; porque se entende que este sería un terreo de competencia exclusiva do concello que democraticamente o aprobou. Moi singularmente, adoitan incluírse en tal autonomía as estimacións de crecemento demográfico e de demanda residencial e -en consecuencia- as de oferta de solo e edificabilidade.
Dubido moito que tal asunto poida analizarse racionalmente por parte dos concellos das nosas cidades. E se así fose, sería moi necesario que o Goberno galego tomase cartas no asunto, porque todos coñecemos concellos (Ponteareas, Porriño, Teo, Culleredo...) cun crecemento demográfico espectacular, á sombra do emprego que se xera no núcleo urbano do que son coroa.
Os técnicos no asunto aplican a isto a palabra e concepto anglosaxón de commuting: a porcentaxe de residentes nestes municipios que se desprazan diariamente á cidade de traballo. Son municipios que manteñen relacións funcionais co seu núcleo urbano, que xera a súa oferta residencial, que reclama infraestruturas de comunicación, etcétera; e que debesen considerarse como elementos da conurbación urbana a efectos de planificar o plan xeral do núcleo e o seu propio.
Con datos do censo de poboación do 2001, un recente estudo realizado na Universidade Autónoma de Barcelona aplicando un criterio idéntico (de commuting) en toda España, determina estas coroas metropolitanas en Galicia: cara a Vigo, vinte e oito municipios (co que pasamos de 280.000 a 550.000 habitantes); na Coruña, trinta e dous municipios (co que pasamos de 236.000 do núcleo a 485.000 da conurbación); en Compostela, dezanove (de 90.000 a 204.000). Certamente, os plans xerais deses núcleos urbanos apenas se ocuparían da metade do seu real modelo de cidade.
Debe de ser por iso que o Goberno vasco -a través das súas Directrices de Ordenación do Territorio- obrigou desde 1997 a compatibilizar os ordenamentos urbanísticos de dezaoito concellos da área funcional de Bilbao. Porque é este un claro exemplo de imposibilidade de deixar nas mans de cada concello afectado o seu modelo de cidade. E tamén de como as necesidades do conxunto (en vivendas ou solo industrial) non poden ser o resultado das que se definen pola suma dunhas partes que as calculasen con absoluta independencia do resto. Sinceramente, creo que os que se atrincheiran detrás da autonomía municipal para definir sen interferencias externas o seu modelo de cidade, son miopes a estas realidades metropolitanas. ¿Tomará nota a actual Xunta?
Ningún comentario:
Publicar un comentario