ROSA ANEIROS
-
A dor dá Mariña, así de simple. O nome non é meu. Déronmo os artistas de Sala Nasa que, a través do humor, intentan demostrarnos que o estado do litoral ben podería ser un esperpento se non fose unha traxedia. Non só na Mariña lucense. Extendámoslo a Cedeira, Fisterra, Corcubión, O Grove ou Gondomar por pór só algúns dos numerosos concellos perfecta mostra de crecemento desmedido e parodia do desenvolvemento sostible.
O realmente curioso é que os veciños que puxeron o berro no ceo pola famosa lei de protección do litoral e os seus archiconocidos 500 metros se jactan agora de ter 117 bandeiras azuis. Temos praias con accesos, aparcadoiros, area blanquísima e augas cristalinas pero non podemos mirar en dirección contraria ao mar. Na maior parte das poboacións costeiras non hai depuradoras que controlen as verteduras ao mar, carecemos de subministración de auga potable, tamén de rede de sumidoiros, proliferan os pozos negros e o ladrillo atopou un lugar mellor para asentarse que a terra: a area.
Sigamos pensando que o uso do litoral é ilimitado e que podemos roubarlle metros ao mar ao mellor ofertante. Pongámonos o turismo masivo de Benidorm por monteira e creamos que con este fino orballo nos ombreiros proliferarán os guiris como cogomelos. Entón, cando o destruímos todo, cando xa non quede nada que edificar quizais nos deamos conta de que moitos dos que escollían Galicia como destino turístico non o facían polo sol ou a praia senón por outros recursos que fomos matando aos poucos. Que primaban as paraxes naturais, a tranquilidade, a gastronomía, a cultura, a natureza.
Entón quizá sexa demasiado tarde. Pero non o será só para o sector hostaleiro, non se enganen. Unha vez que os veciños do litoral vendan as súas terras ás grandes construtoras por catro cadelas daranse conta de que os seus fillos teñen que marcharse. Porque eles venden por dous e os edificadores de segundas vivendas véndenos por 500. Os veciños non poden edificar, só comprar un chalé por varios centos de miles de euros e, vaia, o seu soldo de percebeiro non dá para tanto. Se cren que esaxero pregunten en Cedeira, en Miño ou en Foz.
Que sumar habitantes está moi ben, particularmente dada a nosa pirámide poboacional investida, e cantos máis mellor se iso repercute na economía local. Pero non a calquera prezo. Non se os veciños non son beneficiarios directos senón prexudicados por unha urbanización masiva que sobe os prezos do metro cadrado construído.
Non se os únicos que se fregan as mans son construtores e concelleiros que se reparten os plans xerais de urbanismo coma se fosen cromos. Non se a cambio non logramos que a calidade de vida desas zonas e dos seus habitantes mellore, tanto en postos de traballo como en servizos. Que todos sabemos os custos do progreso, pero a deterioración paisaxística, ademais dunha catástrofe natural, é pan para hoxe e fame para mañá. Xusto as antípodas do desenvolvemento sostible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario