xoves, 31 de xaneiro de 2008

DENUNCIA DO PXOM

Denuncian ao alcalde e á edil de Urbanismo de Vigo pola presunta prevaricación no PXOM
.
Piden que se investigue a tramitación do PXOM e se chame a declarar a veciños, políticos e técnicos
.
Tamen se pide a comparecencia da concelleira do Bloque María Méndez, ao existir sospeitas por intereses particulares no PXOM
.
A Asociación Profesional de Peritos Inmobiliarios de Galicia, APPIG, presentou no Xulgado de Instrución número 6 de Vigo unha denuncia contra o alcalde da cidade, Abel Caballero, e a concelleira de Urbanismo, Carmela Silva, por un presunto delito de prevaricación no proceso de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Segundo explicou hoxe o presidente desta asociación, Carlos González Armada, esta demanda, que foi presentada nos xulgados o pasado martes, ten como finalidade "que se investigue" a presunta comisión dun delito de prevaricación por parte dos responsables municipais, aos que acusou de "incumprir a lei a sabendas do que facían".
Nese sentido, González Armada recriminou ao rexedor vigués e á responsable de Urbanismo que "ocultasen ou manipulado" informes técnicos nos que se determina a necesidade de que o PXOM teña que ser sometido novamente a unha exposición pública, tras os cambios introducidos para cumprir a orde da Xunta e para incrementar a reserva de solo para vivenda protexida.
Os peritos inmobiliarios consideran, ademais, que as modificacións efectuadas no plan "prexudican gravemente a moitos cidadáns, que non tiveron oportunidade de presentar alegacións". Así mesmo, argumentaron que, entre outras irregularidades, "se ocultan datos aos propios técnicos municipais, aos que se lles piden informes sen darlles toda a documentación para poder elaboralos".
O presidente de APPIG tamén denunciou a vulneración do dereito de igualdade xa que, mentres aos promotores "se lles impoñen determinadas cargas" asegurando que os desenvolvementos urbanísticos van ser rendibles, á Zona Franca se lle beneficia cunha cláusula na que se acorda un novo convenio se o actual non resulta rendible.
TESTEMUÑAS.
A denuncia de APPIG solicita, ademais da investigación, que se cite a declarar a asociacións de afectados e propietarios, a Asociación de Promotores Inmobiliarios (Aproin), a Unión de Consumidores de Pontevedra, a empresa redactora do Plan, os ex concelleiros de urbanismo Xabier Toba (BNG) e José Manuel Figueroa (PP), e ao ex xerente de Urbanismo, Xabier Rivas.
Ademais, tamén pediron a comparecencia da concelleira do BNG, María Méndez, porque, segundo explicaron, "existen sospeitas" de que puidese ter intereses particulares na aprobación do Plan, polo que "non "debería votar" no Pleno no que se deu luz verde a documento.
Pola súa banda, o alcalde da cidade, Abel Caballero, preguntado polos xornalistas acerca desta denuncia, manifestou a súa intención de non facer comentarios. Con respecto a posibles atrasos na aprobación do Plan por parte da Xunta debido a problemas ambientais, aclarou que a Consellería de Medio Ambiente "segue estudando a concesión de inviabilidade para pospoñer a declaración ambiental" e se mostrou convencido de que "dará o visto bo".

Ningún comentario: