ALBINO PRADA
.
Unha economía moderna e competitiva ten en España moitas tarefas pendentes no relativo á calidade, non só dos productos obtidos, senón na simultánea conservación do medio ambiente. Tampouco nisto está todo feito. Pois mentres os indicadores de crecemento (produción, emprego, consumo...) foron positivos, os indicadores ambientais (pegada ecolóxica, emisións de dióxido de carbono, incendios forestais, calidade das augas, enladrillamento...) non melloraron do mesmo xeito. Un crecemento ambientalmente insostible.
Aínda que na última lexislatura aprobouse unha lei de responsabilidade ambiental, non é menos certo que se deixaron fóra do seu ámbito de aplicación (naquilo de que o que contamina paga, co obxectivo de disuadir) o transporte marítimo de hidrocarburos e boa parte dos danos potenciais derivados dun accidente nuclear. Tamén é necesario acompañar o despegamento das enerxías renovables dunha adecuada limitación da crecente apropiación privada das rendas derivadas (de recursos naturais públicos), moi singularmente na enerxía eólica.
Nun ano no que España celebra na Expo de Zaragoza a auga como recurso, debésemos ter unha nova lei de augas que nos compasase aos escenarios de cambio climático futuro e a súa mitigación (transvasamentos, desalación, usos agrarios...), pero que tamén puxese ao día as históricas concesións hidráulicas para xerar electricidade en duración (por exemplo 50 anos) homologable aos países máis avanzados da Unión Europea.
Moito por facer tamén na calidade dos nosos envases para consumo en canto aos seus impactos ambientais. A bolsa de plástico como icono consumista de custosa reciclaxe debe substituírse pola de papel ou os envases non desechables. O envasado de bebidas en vidro retornable en vez de envases metálicos é outra tarefa pendente derivada da nosa inacción nos últimos anos. Moito traballo por facer no relativo á nosa permisividade con alimentos transxénicos en relación a países como Alemania ou Francia, ou nun sistema agrogandeiro que devora hidrocarburos e compoñentes químicos. E que non dicir da necesaria reconversión dos nosos monocultivos forestais e montes desarbolados en bosques diversificados. Por non falar dun urbanismo supeditado a un modelo de mobilidade sostible e en transporte público.
Non será producindo moito, barato e con impactos ambientais como sobreviviremos nun mercado global; non escaparemos así da competencia dos países emerxentes. Como tampouco captaremos os fluxos masivos de turismo barato; só se seica unha parte daqueles que valoren a tranquilidade, a seguridade ou a calidade (tamén ambiental) dos nosos produtos e o noso patrimonio natural, cultural, histórico ou urbano.
.
EMPECEMOS POR REALIZAR A "AVALIACIÓN AMBIENTAL EXTRATÉXICA" DO PXOM DE VIGO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario