luns, 1 de decembro de 2008

MEDIO AMBIENTE INCUMPRE A LEI

QUEN SE CREU QUE A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE ESTABA PARA DEFENDER O MEDIO AMBIENTE?
.
Medio Ambiente avala unha empresa que incumpre a lei.
.
Jealsa, en Boiro, non se axusta ás normas urbanísticas e ambientais.
..
A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental concedeu a máxima cualificación á empresa de atún e produtos conxelados Jealsa Rianxeira, SA, instalada en Boiro, sobre a que pesan sentenzas firmes que anulan a legalidade urbanística das súas plantas frigorífica e cogeneradora. A estas sumar outra, que admite recurso, emitida o 31 de outubro por un xulgado de Santiago, e que destaca o perigo da cogeneradora de Jealsa, da que procede a enerxía da empresa.
A sentenza sinala que esta planta carece da preceptiva autorización de Augas de Galicia, da declaración de impacto ambiental, de autorización de Industria e que incumpre as disposicións do Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas (Raminp). A titular do xulgado compostelán destaca, ademais, que a planta "pode ocasionar contaminación de dominio público hidrolóxico".
A instalación incumpre tamén, segundo a mesma sentenza, o planeamento urbanístico e a Lei de Costas e "emite dióxido de xofre, cualificado como contaminante prioritario na Lei de Protección do medioambiente atmosférico". Un cúmulo de defectos polos que o xulgado denega ao empresario, o ex alcalde da localidade polo PP, Jesús Alonso, a licenza de actividade, a pesar de que a planta non se parou nunca e á concesión da "autorización ambiental integrada" de Medio Ambiente. A Consellería concédelle a alta distinción a pesar de que, á vista das sentenzas, a empresa non reúne as condicións que o mesmo departamento da Xunta esixe para autorizar este tipo de industrias.
Fronte á ausencia de licenza, na distinción de calidade que lle concedeu Medio Ambiente consta que figura o "informe urbanístico expedido pola actual corporación local" e que se presentou a documentación "de prevención e control integrados da contaminación".
Durante os últimos 4 anos, o alcalde nacionalista de Boiro, Xosé Deira permitiu a actividade da cogeneradora, que incumpre os requisitos que marcan as leis ambientais que el mesmo esixiu ao empresario. Pero o actual alcalde sostén que concedeu a licenza "con condicións" porque a empresa "tiña todos os informes favorables da Xunta" do PP. "Se lle denegamos a licenza de actividade, podería pedirnos danos e prexuízos, por iso decidimos darlla con condicións". Así, o 13 de abril de 2004, a xunta de goberno, presidida polo alcalde do BNG, concedeu licenza de actividade ao cogenerador. Pero unha semana despois outorgou outra condicionada "ao cumprimento das medidas correctoras de Medio Ambiente".
O rexedor nacionalista baséase no mesmo argumento das autorizacións da época do PP para xustificar que non pare a actividade do cogenerador, aínda cando recoñece que non cumpre as disposicións ambientais. Deira sostén que o empresario comprometeuse "a cambiar o fuel-oil por gas natural".
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente dá por boa a autorización ambiental concedida á empresa e sinala que conserveira e cogeneradora "son xuridicamente dúas empresas distintas". E, aínda que a última "sexa indispensable para o funcionamento da primeira e estea pegada a ela", a cualificación integrada "concédese só á fábrica de atún".

Ningún comentario: