domingo, 30 de agosto de 2009

O CONCURSO EÓLICO E AS CLAVES DO PODER EN GALICIA

As concesións eólicas constitúen un importante negocio do que queren apropiarse as grandes compañías enerxéticas españolas, co pretexto de que non debe dárselle porcións de semellante pastel a empresas alleas á enerxía. Refírense, sobre todo, ás caixas de aforros, aos conserveiros e ás cooperativas lácteas, beneficiadas polo BNG ao aplicar un criterio favorable aos intereses de sectores considerados básicos na estrutura económica e financeira de Galicia. Os Iberdrola de turno así llo fixeron saber a Mariano Rajoy, presidente do PP, e así terminou asumíndoo Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galicia. De facer os papeis para cargarse o concurso eólico que resolvera a Xunta de Touriño e Quintana encargouse o conselleiro de Industria, Javier Guerra, quen o fixo coa dignidade suficiente para intentar salvar os mobles. Aínda que tivo que pór a cara dunha fea operación, Guerra non foi precisamente o abanderado dunha medida política sen precedentes na autonomía galega, e que deu pé a un clima de inseguridade xurídica, que dana a imaxe de Galicia no mundo económico, sobre todo no exterior. O xornalista Jesús Parga, que fora secretario de Comunicación do presidente Fraga, resumiuno ben cando concluíu así un artigo sobre o tema: "Entre todos están metendo a Galicia en tal inseguridade xurídica, que aquí, só virán investir de Tanzania".
Agora, en Madrid, hai un proxecto de guión eólico para Galicia que está xa máis ou menos escrito: o multimillonario negocio levaranllo grandes compañías españolas. Caixas de aforros, conserveiros e lácteos terán moi complicado repetir o resultado do concurso derrogado. Cos demais xa se verá. Todo será mediante adxudicación directa, sen un concurso como o anterior, que se algo primaba era o interese público.
- OS ENREDOS DE TOURIÑO E A VOZ.- É verdade que nos medios políticos e xornalísticos de Galicia deuse por feito que o gran muñidor de cargarse o concurso eólico foi o dono do diario La Voz de Galicia, que estendeu a maldade de vincular o nacemento de Xornal de Galicia a unha suposta gran concesión eólica a unha filial do grupo que tamén edita este diario. Aínda por riba, non houbo tal gran concesión a San José, que foi máis ben modesta á beira doutras, pero do que se trataba era de danar a un competidor emerxente e de arrinconarlo, vinculándoo, de paso, a un determinado partido, progresista e galeguista, que aí está. Nese xogo perverso tamén entrou de cheo o anterior presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que á vez que vetaba a Xornal de Galicia, buscaba o abrazo de La Voz e puña paus na roda do seu propio goberno, crendo que este era inmune a todo.
O 1 de marzo, os galegos (e Pepe Blanco) mandaron ao pobre Touriño para a súa casa e déronlle a súa confianza a Alberto Núñez Feijóo, a quen lle ofreceron carnaza desde o PSOE, por estraño que pareza. En efecto, algúns socialistas, no seu ingénuo intento de asegurarse o apoio de La Voz de Galicia, enredaron canto puideron para facerlle crer á opinión pública que o BNG non estaba sendo todo o ortodoxo que debería ser co concurso eólico. En realidade, o que pretendera Touriño era meter a súa man no concurso, pero como non puido sumouse á insistente campaña de La Voz, que, como non podía ser doutro xeito, deixou na estacada ao PSOE e terminou apoiando a Feijóo e ao PP na sucia campaña do 1 de marzo. A Touriño consolárono cunhas cantas fotos de "presidente". Toda unha tomadura de pelo a un presidentiño que, por certo, lamentábase de presidir máis ben pouco, empezando polo concurso eólico, e que a algúns lle deu pé para reflexionar sobre a figura do "bobo útil" que hai en cantidade de historias da vida.
É posible que toda esta montaxe de La Voz de Galicia e Touriño planee sobre o concurso eólico, pero o realmente importante e decisivo non pasou polas súas mans, senón polas de persoas seguramente menos coñecidas en Galicia, como un tal Galán, que resulta que preside Iberdrola e que sente a tentación de abrazarse a Feijóo en público; tanto, que parece que quere outra cousa. Ese tal Galán é o tipo que se fixo retratar na praza do Obradoiro e que agora colga o seu trofeo na web oficial de Iberdrola, o que pode dar idea da súa ousadía e dalgunha outra cousa que máis vale non amentar hoxe.
- A FOTO DE GALÁN CO PRESIDENTE DA "XUNTA".- A Galán veulle o seu deus a ver cando soubo que o PP obtiña maioría absoluta. E en canto dixéronlle o día da toma de posesión de Feijóo pediu en Xénova --a rúa madrileña onde ten a súa sede o PP-- que lle conseguisen unha invitación para estar cerca do flamante presidente de Galicia. Non se coñecían pero el precisaba demostrar que si e facerse unha foto que chegase á prensa. Cando foi informado de que para o acto do Obradoiro non había invitacións oficiais plantouse alí e en canto tivo a tiro ao presidente foise a por el e deulle o abrazo da súa vida. Era un tipo de abrazo que só podía corresponder á súa noiva, a súa familia ou algún dos seus amigos íntimos, pero foi o abrazo dun descoñecido moi coñecido: Ignacio Galán, que é como se fai chamar este home que tamén se apellida Sánchez. e que preside unha das compañías que, casualmente, impugnou a repartición eólica do bipartito.
Galán, que en honra ao seu apelido procura saír sempre airoso no manexo dunha persoa capaz de galantear, é tan insistente que ata pretendeu utilizar a figura do pai de Alberto Núñez Feijóo, un respectable señor, coñecido pola súa amabilidade, que en tempos tivera relación cunha contrata da antiga Iberduero, firma agora integrada en Iberdrola. Ao presidente da Xunta, que para Galán é da "Xunta" (sic), nunca lle fixeron graza as montaxes do presidente de Iberdrola e, menos aínda, que intentase manipular ao seu pai, que pode ser afectuoso pero non por iso incapaz de darse conta do que quixeron facer con el.
O asunto traerá cola porque o presidente Feijóo sabe que Galán foi a por el e que lle deu un abrazo que pode comprometer a súa brillante carreira política, e tamén porque nalgún momento Galán terá que explicar os seus peculiares métodos de traballo ao seu consello de administración. A súa esperanza de salvar a cara estriba agora en pechar un bo paquete de megavatios mediante unha adxudicación directa, o cal pode ser posible pero tamén terá os seus custos.
Se as Iberdrola de turno --entre elas a antiga Fenosa, agora catalá-- forzan ao PP de Rajoy e imponse en Galicia fronte ás empresas galegas que ambicionan a explotación de recursos desta comunidade, retornaremos aos vellos tempos, iso si, con líderes novos. Se, pola contra, Feijóo dá unha puñada na mesa e non se deixa comer máis o terreo, volveremos mirar ao futuro, mentres suturan as feridas de guerra. Sexa como sexa, contarémolo.
Xornal.com

2 comentarios:

UN TRABALLADOR dixo...

Os do sector eólico que se queden sentados mirando como lles quitan os seus dereitos, non era Feijoo tan bo? Ahí o teñen cargandose a economía galega e dándolle os beneficios os seus amigos de iberdrola e compañia.

Anónimo dixo...

Concesiones a manos amigas
El enfrentamiento surgió cuando el anterior Gobierno gallego, el bipartito, adjudicó los 2.290 megavatios en un proceso que, según algunas empresas del sector y del Partido Popular, estaba lleno de anomalías. Refiriéndose a este asunto, el líder de la oposición, Mariano Rajoy, aseguró que “algo huele a podrido en la Xunta de Galicia”.
Y fuentes del sector denunciaron que las concesiones habían favorecido a los amigos de los nacionalistas. De hecho, las grandes empresas del sector, como Iberdrola, Unión Fenosa o Gas Natural y empresarios gallegos como Amancio Ortega o Manuel Jove se quedaron fuera del proyecto.
El PP anunció antes de las elecciones gallegas que derogaría este concurso y llevó esta promesa en su programa electoral, por lo que los grandes grupos eólicos ya contaban con que la medida se llevaría a cabo.
"Publicado en cotizalia"