venres, 22 de xaneiro de 2010

MADRID ASFIXIA UN OASIS NATURAL

O crecemento urbano ameaza as lagoas de Perales

As Lagoas de Perales do Río en Xetafe (Madrid), requiren medidas urxentes da administración para a súa supervivencia. O enclave lacustre e a súa contorna, esquecido polas administracións públicas madrileñas, deterióranse ano tras ano ao ir concentrándose, nun perímetro cada vez máis estreito, estradas, autovías, a liña do AVE, urbanizacións, polígonos industriais, escombreiras e vertedoiros.
Este espazo natural constitúe un sorprendente oasis de vida silvestre á beira da gran urbe madrileña. Non é un parque nin unha leira particular; son aproximadamente 12 hectáreas de natureza salvagardada grazas ao empeño de asociacións educativas, ecoloxistas e veciñais da zona. En particular, o colectivo de educación de Xetafe Apachas traballa desde 1995 na restauración e protección desta paraxe onde se sitúan un encharcadizo e catro lagoas (do Ánade, do Carrizo, de Drenaxe e de Tempada).
A única protección legal outórgalla o estar incluídas desde 2005 no Catálogo de Encoros e Humidais da Comunidade de Madrid. "No seu día intentouse que formasen parte do Parque Rexional do Sueste, pero xa había intereses urbanísticos e descartouse. Todo, a pesar da cortísima distancia que as separa do parque, apenas un par de quilómetros", comenta Diana Fontes, coordinadora do colectivo Apachas.
Xetafe crece cara a Perales
Fai menos dunha década, o medio natural no municipio de Xetafe era unha ampla área ao leste do Cerro dos Anxos. Na actualidade, esta situación cambiou drasticamente. Xetafe crece cara á zona de Perales do Río e do Parque do Sueste, devorando o pouco medio natural que queda. "En Xetafe sobran moitísimas vivendas dos últimos plans urbanísticos desaforados. E aínda así, desde o Concello séguese falando de construír máis".
Os participantes nos programas educativos que se desenvolven nas lagoas sorpréndense do pouco que protexe e promociona o consistorio o valioso medio natural co que aínda conta o seu municipio. Por outra banda, como explica Fontes, "a gran carencia deste programa segue sendo un Aula de Natureza que lle dea o soporte físico que se merece. As promesas respecto diso por parte da administración local acabaron unha e outra vez en saco roto".
As lagoas precisan dunha figura de protección máis restritiva que a do Catálogo de Humidais. "Se xa resulta difícil traballar con algunha figura de protección, sen ela non hai posibilidades". O enclave conta co apoio da Sociedade Española de Ornitoloxía, que se ocupa dos censos de aves, e do Grupo para a Recuperación da Fauna Autóctona e o seu Hábitat, que fai soltas puntuais e supervisadas de animais. Á vez, persoal docente da Universidade Autónoma de Madrid toma mostras da singular lagoa do Carrizo para investigar bacterias do xofre.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Mafias, construcción y partidos políticos (financiación, prebendas...) comparten firmes vínculos.

Vemos todos los días cómo se acaba con el entorno natural que nos acoge, por pura codicia.

Solamente asociándose y plantando cara ante tanto abuso se puede detener el crecimiento del vertedero de hormigón y asfalto en que se está convirtiendo este "gran" país.

Nota: que no se entere Elena Espinosa, ministra de la existencia de la charca. Seguro que la aprovecha para trasvasar el agua a algún campo-golf(os).