martes, 30 de marzo de 2010

POLÍTICA RASTRERA

A radiografía de como está a política en Vigo reflícteo o último acto do PSOE local en relación ao PP e á Fundación Provigo. O feito, suficientemente tapado ou dado a volta pola prensa e radio afín e ben engordada, fai arroibar ao cidadán do montón. O alcalde atreveuse a ordenar a alguén dos seus que chamasen ao responsable da Fundación Provigo que tiña fixada unha cita e roda prensa co vicepresidente da Deputación para a entrega do achegue da cota a devandita fundación para que cancelase o acto. O responsable acatou e obedeceu a quen lle nomeou e non asistiu. Aínda por riba, un portavoz do equipo de goberno tivo o cinismo de dicir publicamente, ademais de non negar a coacción, que ese era un acto de "clientelismo". Quen é o alcalde, o seu equipo ou quen con esa conduta ditatorial e antidemocrática de prohibir un acto no que non participa e encima cualificalo segundo a súa conveniencia política? Con este goberno non se esgota a capacidade de asombro nesta cidade. Eles que están presionando a asociacións, concédenlles ou non subvencións ou obras segundo respiren politicamente, que non sabe o que é iso de participación cidadá nos labores de goberno dunha cidade, non é pura coacción e clientelismo político?
A política viguesa está adquirindo tintes esperpénticos e antidemocráticos moi preocupantes. Manter o poder custe o que custe é o lema. Aínda que tergiversando promesas ou declaracións, como os prazos do AVE, de non saber nada daquela Carta de capital para Vigo, o pleno emprego na cidade, de esixir agora o que a incapacidade do seu partido non conseguiu para Vigo en catro anos. Xa saben a lista. Depuradora, hospital, Cidade dá Xustiza, Campus do Mar na ETEA, o nulo investimento de Política Territorial en Vigo durante catro anos... nin unha vivenda pública en base ao PXOM que modificaron e apropiaron con esa quimera do 40% de vivenda publica etc, etc. Só a lousa, grazas ao Plan E, será o único potable que poderán presentar o ano que vén como balance. A condición de que non se apropien a Ría de Vigo ou o Monte do Castro.
Pero o colmo desa actuación que demostra o nerviosismo nas sondaxes, protagonizouna a ex concelleira a dedo, senadora e portavoz do PSOE no Senado, Carmela Silva. Sen que ninguén llo reclamase, convoca rolda de prensa e pon de chupa domine á presidenta da Autoridade Portuaria chegando, na súa soberbia moi do clan, a pór en cuestión "a súa incapacidade" para rexer o organismo. E como non podía ser menos a chamou ignorante, adxectivo que utiliza moito a señora Silva e o seu alcalde cando non hai outros argumentos para descualificar ao seu rival. E ela, está capacitada para desempeñar o seu importante labor no Senado? Que llo pregunte cara a cara a moitos compañeiros que recoñecen, en petit comité, o grave erro do seu nomeamento. Por incapacidade, nada máis.
Manuel López Prado

Ningún comentario: