luns, 29 de marzo de 2010

TOURIÑO E TOURIÑÁN

A retirada de Touriño da política era algo practicamente real desde fai un ano e é oficial desde fai unha semana. A súa dimisión e apartamiento merecería unha reflexión máis ampla, recórdanolo o que, xusto unha semana despois, o partido socialista pacte co popular unha Lei do Solo que parece que permitiría a unha empresa construír unha piscifactoría en cabo Touriñán a pesar de ser "espazo protexido". Son feitos directamente relacionados.
Por máis voltas que se lle dean só haberá gobernos progresistas na Xunta sumando o concurso do PSdeG e do BNG, por separado é imposible. Pero se lles deu a oportunidade de experimentalo e non tiveron opción a repetilo porque non chegaron a merecelo. Tiñan que demostrar que se entendían e mostraron o contrario; que facían outras políticas, un cambio, e os cambios pareceron poucos. Aínda así, no futuro, o único goberno progresista posible será o que ofreza políticas distintas das da dereita e baseado no entendemento entre socialistas e nacionalistas. Só así volverá entrar o PSdeG na Xunta. Con todo, están facendo case o contrario.
O principal fallo de Touriño foi ser pouco Touriño. Cometeu erros, cálculos electorais equivocados..., pero, ao final, o balance é que perdeu por non atreverse o bastante. Aínda que si se atreveu en cousas como a política de protección ao territorio, que agora se carga a Xunta de Feijóo e parece ser que co apoio dos socialistas. Touriño atreveuse contra o criterio dos alcaldes do seu propio partido, e non é nada fácil; seguramente lle faltou entendemento con eles (como lle faltou co conxunto do partido), e agora dá a impresión de que chegou a hora dun certo desquite. Na política urbanística e de protección do medio natural deu pasos reais, aínda que fosen insuficientes, pero os deu, e era unha política distinta da anterior, a da dereita. A que está facendo o PP no municipio lucense de Barreiros, por exemplo. Se os socialistas desandan o andado, asinan agora a política da dereita, ¿que lles quedará para ofrecernos logo se defenden o mesmo? É necesario un pacto sobre o urbanismo e a ordenación do territorio, pero non para continuar a destrución da paisaxe. Non temos sol para vender, temos que protexer o que queda desa riqueza que é a nosa costa e o noso país, para nós, para os que veñan e para os que nos visiten. E recordemos que quen se cargou a metade da nosa riqueza, os responsables dos disparates urbanísticos non foron os marcianos, nin os chineses, nin sequera os ministros ou os conselleiros, foron os alcaldes. Non todos, desde logo, pero os que esnaquizaron medio país volven ter barra libre.
Non se goberna un país coma se fose un concello, o alcalde está tan próximo ao veciño e votante que lle resulta difícil non aceptar complicidades e trapacerías, pero gobernar un país é ter visión de conxunto e visión histórica, coñecer o pasado continuándoo e poder así imaxinar un futuro. Un gobernante debe pensar como un presidente, non como un alcalde. Con todo o respecto a eses gobernantes locais que están máis preto da xente.
A presión dos seus alcaldes é unha explicación para entender o que agora parecen aceptar os socialistas, pero non basta. Non se aprecia unha lectura clara da derrota electoral, fan coma se vivisen ao día sen un proxecto para presentarlle ao país. E iso sería un retroceso ao seu propio pasado político, o dos anos oitenta, cando o secretario do PSdeG era un alcalde e afianzou no partido a única cultura política que parece ter: atrincheirarse nos concellos. Cando renunciaron a gobernar Galicia. Se confirman esa viraxe, será unha ruptura co seu pasado inmediato, negar a Touriño e á Xunta que presidiu e tomar a dirección contraria, de volta ao pasado.
A política urbanística, a ordenación do territorio e a protección da paisaxe encerran a metade dun programa político para un país. Encerran o modelo económico, a memoria do país, o coidado das súas principais riquezas, o amor pola propia terra e o propio mar. Renunciando á súa propia política, á que fixeron na Xunta bipartita, os socialistas pactarían continuar unha forma de facer as cousas que foi prexudicial para Galicia. Pero, ademais, entregaríanse aos seus rivais e entregarían a metade do seu futuro. Cousas veredes.
Suso de Toro

Ningún comentario: