mércores, 21 de abril de 2010

E O OITAVO DÍA O HOME INTERROMPEU A DEUS O SEU DESCANSO

Touriñan, Barreiros, Marín, O Grove, Fragas do Eume...

O título deste artigo non é una paráfrasis poética de Pondal ou Rosalía, pero si unha queixa amarga tinxida da súa mesma melancolía e xenreira polo que o PP acaudillado por Núñez Feijóo está a facer con este noso país. Se o deixamos. As peores cobizas económicas, a almoneda do propio, o desprezo da ecoloxía, do medio ambiente, son algúns dos sinais de identidade desta forma de mandar.
Calquera que vaia a Touriñán, na Coruña, decatarase axiña de que alí non cómpre unha piscifactoria, agás que esteamos de acordo en reproducir desfeitas como a provocada en tempos de Fraga no Cabo Vilán, unha das paraxes outrora máis belas e impresionantes de Europa e hoxe estragada polas decisións irracionais dun Goberno impermeábel a todo sentido estético.
Calquera que se achegue a Barreiros, en Lugo, poderá comprobar até onde están dispostos a chegar os que expresivamente chama Teresa Táboas os “depredadores de solo”, que agora queren legalizar con recursos públicos as desmedidas construcións que o bipartito tentou de frear.
Calquera que decida darse unha volta polo porto de Marín, en Pontevedra, verá cos seus ollos atónitos con que desfachatez a Xunta de Núñez Feijóo elude unha sentenza do Tribunal Supremo que anulou o recheo de máis de 300.000 metros cadrados, ordeando “a reposición da zona portuaria á anterior situación e estado”, facendo caso omiso non só da orde xudicial senón tamén da Plataforma de Defensa da Ría e do colectivo veciñal de Placeres.
Calquera que se achegue a disfrutar da paisaxe incomparábel das Fragas do Eume, sentirá o desacougo de pensar que, se cadra, será a derradeira oportunidade de vivir esa marabillosa sensación. Porque ocorre que a Xunta de Núñez Feijóo vén de aceptar a explotación dunha mina de andalucita a cincuenta metros do parque natural das Fragas. O proxecto fora rexeitado polo Goberno bipartito por afectar e pór en perigo a relevante riqueza medioambiental e non producir beneficios estimábeis en forma de emprego. Para maior inri, a compañía favorecida polo informe favorábel de impacto ambiental non é galega nin siquera española, senón de capital inglés e surafricano. De se levar, como parece, adiante, a explotación a ceo aberto chegaría a ocupar case 300.000 metros cadrados a carón do parque e afectando tamén ao río Belelle. Beneficio para o país?: unha pequena presa de postos de traballo –din– durante 12 anos de explotación.
Son só catro exemplos da insensibilidade da actual Xunta polo medio ambiente, tanto no interior como, sobre todo, no litoral, no que se pretende maltratar mesmo os espazos de Rede Natura; eso si, catro exemplos espallados por toda Galicia, para constatar a extensión desta praga de “economicismo” rampante e irrespetuoso de todo valor que non sexa directamente material.

A Xunta ordena demoler os 52 chalés en...

Ningún comentario: