venres, 12 de novembro de 2010

BROTES NEGROS

Que luz necesita o Goberno para ver a escuridade á que nos levou a contrarreforma laboral imposta unilateralmente. Ninguén ve a mellora do mercado de traballo, excepto o ministro do ramo, que a ve a media luz. Imos de capa baixa, baixan os contratos indefinidos e soben os contratos temporais que agudizan a precariedade laboral. O horizonte laboral vese negro se non se acometen con urxencia políticas activas para crear emprego de calidade e con dereitos.
Os colectivos que máis están sufrindo esta desregulación laboral son: mulleres, mozas de 16 a 35 anos e estranxeiros. Os datos da EPA deixan ben claro que as cousas non marchan como deberían. Acentúase o traballo mergullado. Consecuencia diso: fraude fiscal e á Seguridade Social, sen esquecernos da exclusión social e o paro de longa duración. Como vemos, e estou seguro de que o Goberno tamén o ve, a reforma laboral e os recortes sociais que se impuxeron sen diálogo social non funcionan.
Tamén é evidente que os recortes salariais e sociais non dinamizan o consumo interno, porque outra das consecuencias dos recortes é a perda de poder adquisitivo dos traballadores.
Rectificar é de sabios. Polo menos sexan intelixentes, cambien as súas políticas restritivas e abran a porta do diálogo social, é necesario para mellorar as condicións socio-laborais da poboación activa. É evidente que con diálogo todo funciona mellor, ás probas remítome.
V.M.A

Ningún comentario: