mércores, 26 de xaneiro de 2011

AS CASUALIDADES

Din, que na convulsa España de principios do século XX, os "malpensados" españois da época, con motivo das expropiacións que propiciou a creación de Campsa e a monopolización do mercado, moitos creron ver niso unha manobra dos ministros do Goberno para enriquecerse. Desde entón a política e a empresa foron mundos con inmerecida mala imaxe, son cousas dos españolitos, que vemos "pantasmas" e cousas raras en calquera inocente operación empresarial.
Actualmente tamén pasan cousas así, "casualmente" a maioría dos políticos que son chamados a "un retiro dourado" nos consellos de administración das multinacionais españolas, case sempre -outra casualidade- adoitan ser para empresas enerxéticas ás que os Gobernos dos que formaron parte eses mesmos políticos, xamais puxeron pegas á hora de subir as súas tarifas por encima do IPC. Iso si, os xenerosos soldos que cobran estes políticos reconvertidos en "asesores" -sen coñecemento algún neses sectores- saen dos beneficios que obtiveron esas empresas cando puideron subir as súas tarifas co beneplácito dos Gobernos de quenda.
Ten lóxica ¿verdade? Mentres tanto os sumisos consumidores seguiremos pagando relixiosamente a luz, o gas, a auga, o teléfono, a gasolina, etcétera..., ao prezo que faga falta, todo sexa polo futuro dos nosos prohombres de Estado.
Cada día téñoo máis claro, as casualidades non existen.

Ningún comentario: