mércores, 13 de abril de 2011

A SAÍDA DA CRISE

Podemos durmir tranquilos. O Goberno e a elite empresarial están unidos, arrimando o ombreiro, para saír da crise. Non lles vai a tremer o pulso en tomar as medidas necesarias. Parece ser que, logo da reforma laboral e das pensións e o recorte do gasto público, hai que profundar en "axustar" da negociación colectiva e na austeridade do salario dos traballadores.
Estou convencido de que terán en conta que en España o salario medio é a metade que en Alemaña, Holanda ou Reino Unido. Que o paro e os contratos temporais dobran a media europea. Que somos os reis da economía mergullada, o país con máis billetes de 500 euros. Que autónomos e empresarios declaran menos ingresos que traballadores e pensionistas. Que case 17 millóns de asalariados son mileuristas (estas persoas, segundo o Instituto Nacional de Estatística, deberían dedicar 323 euros á vivenda). Que o Goberno estableceu o salario mínimo en 641,40 euros. Que os altos cargos das empresas do Ibex gañan máis dun millón de euros.
Tamén se terán que preguntar como é posible que nos anos de bonanza económica, 1995-2005, o salario dos españois perdese un 4% de poder adquisitivo mentres os beneficios empresariais creceron un 73%. E como é posible que empresas con beneficios desproporcionados sigan despedindo traballadores.
Seguro que todas estas pequeñeces téñense en conta á hora de abordar novas reformas. E se non é así tampouco nos temos que preocupar. Sempre nos quedará París ou o PP, cuxos campechanos e camaleónicos líderes ondean con denuedo o estandarte do mundo obreiro. Sigamos durmindo.
J.A.N.

Ningún comentario: