luns, 21 de novembro de 2011

OS GALEGOS EXPERTOS EN SOBREVIVIR

As últimas previsións económicas non pintan un horizonte de cores brillantes dentro da UE. Non importa. Xa estamos afeitos a escoitar e ler malas noticias sobre contas de resultados, recesións e índice de paro. Se chegamos até aquí, tamén sairemos desta, é o que pensan moitos que ven isto da crise como algo afastado. Os galegos levamos séculos vivindo en atraso permanente e as estatísticas oficiais para estes territorios nunca foron certas nin axustadas á realidade do resto da meseta. Os índices de desemprego sempre estiveron elevados, máis altos que a media española, incluso nos momentos de boom económico que vendían desde a capital do Reino.
Os inspectores de Facenda chegaron á conclusión de que se non hai revoltas sociais nin asaltos cidadáns a institucións é debido á que o diñeiro negro florece por todos os recantos do territorio español. Non sei se deberon estudar moito o asunto para chegar a esta conclusión, pero o que parece claro é que se o saben non fan nada ou, o que sería máis terrible, é que este Goberno, ao igual que pasados e futuros, se aplican a norma non escrita de non atallar este problema para o erario. Claro que se o aplican en Galicia tirarían por terra o tecido produtivo e social.
Din os inspectores que se basean no incremento das remesas que mandan os emigrantes aos seus países de orixe, que aumentaron un 15 por cento. Non sei se se refiren a que os únicos que traballan e teñen ingresos por iso son os foráneos e o resto dos censados no Reino, que non teñen emprego, cobran o subsidio do paro. Se ollamos ás famosas greves xerais de Grecia e ás súas violentas manifestacións na praza Sintagma de Atenas, vemos que os seus integrantes, o corpo violento e activo, non eran máis que estudantes e algún que outro empregado público. Uns metros máis alá, os inmigrantes na capital helena seguían traballando na praza Omonia, como se a protesta non fose con eles. A economía oculta salva a clase política grega como á española.
Os galegos nunca estarán cun pé na rúa porque a pouco que se poñan teñen un pé na leira herdada para extraer alimentos, aínda que sexan transxénicos, non reparamos niso, ou venden catro eucaliptos a un madereiro calquera para pagar o retiro ou lánzanse ao mar para pescar ou mariscar calquera animal que pase por alí, xa sexa para comer ou ofrecer porta a porta. Se Rosa Quintana aparece como ministra na capital do Reino, os españois que viven do sector primario terán unha beizón e un manual de economía de supervivencia. Nisto os galegos somos expertos, somos xente tranquila e só nos manifestamos polo fútbol, para celebrar as vitorias dos dous equipos da terra: o Real Madrid e a selección española.  F.X.C.

Ningún comentario: