martes, 8 de novembro de 2011

PROGRAMA DE GOBERNO

Por máis que o queiran conservar en formol, non van poder ocultar a Rajoy por máis tempo. Xa non cola o de facer das comunidades gobernadas polo PP -por caso, Galicia- o espello no que a cidadanía descubra á fin sobre que rodas vai soster o candidato da dereita o seu programa de goberno. Entre outras cousas, porque esas comunidades deixaron de ser o referente de boa gobernanza. Non me estou referindo a Valencia, o contramodelo do que se espera dun partido que aspira a conseguir a confianza de tódolos desencantados coa esperanza branca que un día representou –“non nos falles”–Zapatero. Si dos territorios políticos nos que a dereita sociolóxica e os medios madrileños, sen distinción apenas entre eles, deron por sentado que os seus respectivos presidentes –Cospedal en Castea/A Mancha e Feijóo en Galicia– representaban o modelo sobre o que Rajoy escrituraría o seu compromiso programático con España.
Porén, por máis que tenten manter inalterable a imaxe de eficacia, boa xestión e capacidade para resistir os ventos ábregos que lles atribuiron a eses dous dirixentes conservadores, a realidade non dá de si máis que a sombra do que puido ser e non foi. Se algo podemos esperar en tempos calamitosos como o actual de quen lexitimamente representan e xestionan o autogoberno, por caso os desas dúas comunidades autónomas, é que cando menos consigan desacelerar os seus efectos máis perversos, valéndose para iso das competencias que incentivan o emprego e o crecemento económico. Nada de nada.
Non hai nin un só indicador que o constate. E se á presidenta castelá aínda lle pode funcionar como excusa botar man da imaxe quebrada que os socialistas de Barreda non conseguiran borrar do espello retrovisor, ao presidente galego nin iso. Entre outras cousas porque xa leva asinados dous orzamentos no Doga, e o que deixara o bipartito en reserva está tan desbocado que non hai espello retrovisor que o conteña.
Se a felicidade que promete Rajoy ten para el refrexo no modelo que, segundo a propaganda popular, encarnaría Feijóo, aviados imos. Atendendo ás variables fundamentais de crecemento económico, xeración de emprego e equilibrio de contas públicas, Galicia é unha das comunidades do montón -está entre as que ofrecen perores datos-. Dende o 2009, xa son máis de 60.000 os empregos perdidos. En só dous anos, a Xunta endebedouse case tanto como nos 25 anos anteriores. E os recursos públicos para educación, sanidade, dependencia e inversións en infraestruturas baixaron nese mesmo periodo un 17,6 por cento.
Do que sabemos polo debuxo abstracto que estes días difunden os populares desde Santiago, e a xulgar por como pese a ese contexto de quebra social ten á Galicia de Feijóo pola Arcadia feliz, hai que deducir que nos que realmente pensa Rajoy non é naqueles que menos razóns teñen para sentirse tocados pola man de Deus –que el chama misteriosamente “una economía como Dios manda”–, senón nos que nunca deixaron de ter o ceo a un tiro de pedra.
De non ser polo escenario de cartón pedra no que se vai desenvolver a batalla electoral, sen outra alternativa para as masas de espectadores que a de apostaren entre o malo e o peor, o candidato da dereita non pasaría de ser o que realmente é: un ben intencionado ventrílocuo dos que, á maneira dos predicadores das televisións estadounidenses, están a facer do mundo un insufrible deserto... de felicidade

Ningún comentario: