xoves, 9 de febreiro de 2012

DESAFIUZAMENTOS

Nada menos que medio millón de familias sen fogar. Explícanme os que disto saben, que esa é a factura que deixará a crise. Concretamente, tamén o antedito é o cálculo que arroxa un recente informe da Asociación de Afectados por Embargos e Poxas.
Neste mesmo momento, 135.000 familias españolas están sufrindo un proceso de execución hipotecaria. Hai que sumar outras 150.000 familias que xa perderon a súa vivenda e soportan débedas coas entidades financeiras que lles concederon o préstamo. Aínda cabe engadir as 133.000 que xa non poden pagar a hipoteca e as 100.000 familias que deixarán de facelo nos próximos dous anos polo aumento do paro. O balance non pode ser peor. E aquí vén a segunda parte do problema. A situación é dramática para as familias, pero tamén incómoda para os bancos, cuxa situación é "crítica".
Entre 2008 e 2015, as entidades financeiras asumirán unhas perdas de 34.000 millóns de Euros, procedentes de hipotecas a particulares e segundo cálculos dos propios bancos.
A maior abundamento o avultado desemprego en España é tamén o que fai que o sector inmobiliario vexa freada a venda de vivendas, que mes tras mes arroxa datos negativos. Falemos agora de esperanzas. O Instituto de Crédito Oficial (ICO) acaba de publicar 17 novas liñas de mediación. Entre elas destaca unha destinada ao financiamento de vivenda protexida de aluguer e outra para as de venda. Ademais, o ICO outorgará préstamos de ata 10 millóns a promotores de vivendas novas terminadas para alugar, así como financiamento para rehabilitar pisos para particulares e comunidades de propietarios. Tamén contará cun servizo de asesoramento para estudar as solicitudes de financiamento de ata 2 millóns de Euros que fosen rexeitadas por algunha entidade financeira ao longo de 2011.
De todos os xeitos, cabe dicir que o prezo das vivendas en España rexistrou un descenso acumulado dos prezos do 24,5%. E iso aconteceu en todas as zonas españolas.
Nas áreas metropolitanas a caída acumulada do valor dos pisos situouse no 25,2%, mentres que en Baleares e Canarias o axuste foi do 22, 2%. Galicia, unha vez máis, está na zona templada, dito sexa isto no transfondo da "desfeita" xeral. Realmente, a moura hipotecaria é o cancro social nos presentes anos.

Ningún comentario: